Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG denuncia a saturación e falta de liñas do transporte público por estrada en Oleiros

  • A deputada autonómica Silvia Longueira considera “inxustificable” que a Xunta só invista 10.000€ no municipio

O Grupo Parlamentario Socialista denuncia a saturación e falta de liñas e frecuencias axeitadas no transporte público por estrada en Oleiros, e preguntará á Xunta por esta situación no Parlamento galego.

A deputada Silvia Longueira destaca, que, aínda que o Concello de Oleiros “é un dos máis importantes da área metropolitana da Coruña”, estando “preto de alcanzar os corenta mil habitantes”, a situación deficiente do seu servizo de transporte público autonómico “é unha constante desde hai anos”.

A socialista salienta ademais que Oleiros “ten unha unha interacción co Concello da Coruña coa área de influencia moi importante, porque é unha zona residencial”. “O interesante disto é que a Xunta de Galicia para o ano 2026 contempla soamente dez mil euros para un dos dez concellos máis grandes de Galicia”, lamenta.

Longueira califica esta situación de “inxustificable” a anuncia “unha iniciativa sobre este problema que afecta tanto a Oleiros como toda a área de influencia da cidade da Coruña”. A parlamentaria socialista preguntará ao goberno galego “cando ten previsto a Xunta de Galicia resolver a situación do transporte metropolitano na área de Oleiros”.

O texto da iniciativa subliña así mesmo que “o deficiente servizo de transporte público autonómico sumado ao inexistente municipal e a incapacidade, cada día maior, das infraestruturas viarias do concello, converten os accesos a Oleiros, ás súas praias, os desprazamentos dos veciños ás súas casas, e as innumerables urbanizacións, en ratoneiras nas que se producen continuos colapsos”.

“É urxente pois a necesidade de mellora do transporte público por parte da Xunta, que contribúa a unha redución do uso do vehículo privado”, sinala tamén o texto, que reclama “máis frecuencias e rutas axeitadas á demanda actual”.


Silvia Longueira – Transporte Oleiros – abr26
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes