O PSdeG denuncia a ausencia de investimentos anunciados en Ferrol nos orzamentos da Xunta para 2026
- O grupo socialista reclama que as actuacións comprometidas pola Xunta se recollan con partidas específicas e avanza unha emenda socialista para incluílas
O PSdeG asegura que os anuncios feitos esta semana pola Xunta de Galicia sobre investimentos na comarca e na cidade de Ferrol “non aparecen” no proxecto de Orzamentos para 2026. Segundo declara o parlamentario socialista Aitor Bouza, “vemos como, dende a Xunta de Galicia, se di que os orzamentos para o 2026 contemplan partidas que realmente non son certas”.
Bouza subliña que en información difundida pola Xunta e recollida nos medios de comunicación se mencionan actuacións no IES Sofía Casanova, no CIFP Leixa e na residencia de maiores, pero asegura que “se comprobamos eses datos no orzamento da Xunta de Galicia vemos que realmente non están”.
O parlamentario afirma que “vender unha cuestión que non aparece dentro dos propios orzamentos, con nome e apelidos, non é un compromiso real” e considera que “é un fraude á veciñanza de Ferrol dicir que os orzamentos de 2026 contemplan estas actuacións que non son certas”.
Por isto, o representante socialista esíxelle á Xunta que, “se realmente quere executar estas actuacións, as incorpore ao orzamento, que lle poñan o parámetro e nome e apelidos da cidade e do propio instituto ou residencia á que corresponde”
Ademais, critica que o novo Centro de Saúde de San Xoan, tamén anunciado pola Xunta para Ferrol, non está incluído nas contas. “Os compromisos demóstranse cos feitos e os feitos, neste caso, son partidas orzamentarias nas que teñen que vir recollidas cada unha das actuacións”, explicou Aitor Bouza. Ante esta situación, Bouza avanza que o PSdeG presentará unha emenda ao proxecto orzamentario para incorporar estas actuacións “importantes para a cidade, entre moitas outras”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS