Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Pontedeume insta á Xunta a actuar ante o aumento da presenza de xabarís en zonas urbanas e parroquias

  • O Grupo Municipal Socialista presentará unha moción neste sentido no vindeiro pleno

O PSdeG-PSOE de Pontedeume insta á Xunta de Galicia a que actúe para conter o aumento da presenza de xabarís tanto nas zonas urbanas como nas parroquias do municipio.

Dende o Grupo Municipal Socialista teñen xa rexistrado unha moción co obxectivo de que o pleno traslade ao goberno galego, e en particular á Consellería de Medio Ambiente e á Presidencia, esta petición.

O alcalde socialista de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro, pide ao resto de grupos da corporación municipal “que apoien dita moción para amosar unidade en defensa dos intereses da veciñanza de Pontedeume”.

Unha problemática en auxe 

“Nos últimos meses Pontedeume vén sufrindo un incremento moi significativo da poboación de xabarís, converténdose esta situación nun grave problema ambiental, agrícola e de seguridade cidadá “, indícase no texto presentado polo grupo socialista.

A moción sinala así mesmo que “a proliferación desta especie provocou un aumento constante da súa presenza en zonas habitadas, achegándose cada vez máis ao núcleo urbano, parroquias e vivendas particulares, onde os animais buscan alimento con total habituación á presenza humana”. “Esta realidade, que hai anos era excepcional, converteuse nun fenómeno habitual”, engádese. 

Indícase que, só no ámbito agrícola, a nivel galego producíronse arredor de 3.900 reclamacións anuais por danos en cultivos, afectando a máis de 1.600 hectáreas e xerando perdas económicas millonarias para agricultores e gandeiros, segundo datos oficiais e información publicada por distintos medios e organismos

O texto pon o foco tamén nos accidentes de tráfico provocados pola irrupción destes animais nas estradas. Estes “incrementáronse de maneira alarmante”, contabilizándose en Galicia “preto de 3.800 accidentes anuais relacionados con xabarís, sendo a especie que máis sinistros provoca nas vías galegas”. “Só na provincia da Coruña rexistráronse máis de 1.000 accidentes nun único ano”, apúntase.

“A propia Xunta de Galicia recoñeceu oficialmente esta problemática mediante a declaración reiterada de emerxencias cinexéticas temporais en numerosas comarcas galegas, motivadas polos graves danos ocasionados polo xabaril”, salienta a moción 

Dende o PSdeG local explican así mesmo que “esta situación está a provocar unha crecente preocupación entre a veciñanza debido ao risco que supón a presenza destes animais nas rúas, parques, estradas e arredores das vivendas”. Os xabarís causan desperfectos en espazos como xardíns ou fincas e chegan incluso “a acceder a espazos frecuentados pola cidadanía, o que incrementa notablemente a sensación de inseguridade, especialmente entre persoas maiores, menores e viandantes”. 

Para o grupo socialista, os concellos “non poden afrontar en solitario unha problemática que excede claramente as súas competencias e capacidades”. “Corresponde á Xunta de Galicia, como administración competente en materia de fauna salvaxe, medio ambiente e control cinexético, adoptar medidas eficaces, coordinadas e suficientes para controlar esta situación e garantir a seguridade da poboación” subliñan. Por todo isto, o PSdeG eumés considera necesario “instar á Xunta de Galicia a actuar de maneira inmediata e contundente ante o aumento descontrolado da presenza de xabarís”. Tamén solicita do goberno galego “a adopción dun plan específico de actuación para o control e redución da presenza destes animais nas áreas habitadas, incrementando as medidas de prevención e captura cando sexa necesario”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes