O PSdeG apoia a mobilización contra a planta de biogás da Laracha e critica a falta de transparencia do alcalde coa veciñanza
Os socialistas participaron hoxe na manifestación en defensa do río Anllóns e denunciaron que López Varela coñecía desde a pasada lexislatura o interese por instalar a planta no municipio sen informar á cidadanía
O PSdeG-PSOE participou este sábado na manifestación convocada pola plataforma cidadá Biogás na Laracha NON en defensa do río Anllóns e contra a instalación dunha planta de biogás no municipio. Os socialistas trasladaron o seu apoio ás reivindicacións veciñais e criticaron a falta de transparencia que atribúen ao alcalde, José Manuel López Varela, na xestión deste proxecto.
Na mobilización participaron Obdulia Taboadela, cabeza de lista socialista ao Congreso; Inés Ramos, voceira do PSOE da Laracha e candidata suplente ao Congreso; José Manuel Pérez Abelenda, voceiro socialista de Coristanco; e Patricia Iglesias, deputada autonómica, xunto con outros representantes e cargos públicos do partido.
Os socialistas consideran que a situación xerada arredor deste proxecto esixe explicacións por parte do goberno municipal e da Xunta de Galicia, así como unha maior participación da veciñanza nas decisións que afectan ao futuro do territorio.
“Estamos ante unha situación extrema para A Laracha e para todos os seus veciños e veciñas. Estamos xogando co futuro da nosa xente e co das próximas xeracións”, denunciaron durante a concentración.
Neste sentido, os representantes do PSdeG acusaron ó alcalde de coñecer desde a pasada lexislatura o interese por instalar unha planta de biogás no municipio sen trasladar esta información á cidadanía.


“O señor López Varela sabía desde a pasada lexislatura que esta planta de biogás estaba prevista para A Laracha e decidiu calar e non falar cos seus veciños e veciñas. Comportouse como un mal veciño, e alguén que non é un bo veciño non pode ser un bo alcalde”, afirmou Inés Ramos, recuperando unha crítica xa expresada durante un pleno extraordinario celebrado no municipio.
Pola súa banda, Obdulia Taboadela defendeu a importancia da transición enerxética e das enerxías renovables, pero advertiu de que estes procesos deben desenvolverse respectando o territorio e escoitando as persoas directamente afectadas.
“Estamos hoxe na manifestación da Laracha contra a planta de biogás prevista pola Xunta de Galicia para denunciar que non se poden facer políticas en contra da veciñanza”, sinalou.
A candidata socialista subliñou que a transformación do modelo enerxético debe ser compatible coa protección ambiental e coa participación cidadá nas decisións que afectan aos municipios.
“A transición enerxética e as enerxías renovables teñen que ser fundamentais no noso modelo de futuro, pero non se poden desenvolver de calquera maneira. A transición ten que ser xusta ou non será”, afirmou Taboadela.
Os socialistas insistiron en que calquera proxecto destas características debe ter en conta as preocupacións da poboación e as posibles consecuencias para a contorna natural, especialmente nun territorio no que a protección do río Anllóns é unha das principais reivindicacións da plataforma convocante.
“Non podemos comprometer o futuro dos nosos concellos nin o das xeracións que están por vir. A transición enerxética debe avanzar da man da cidadanía e non de costas ás súas necesidades e preocupacións”, concluíron os representantes socialistas.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS