Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Oza-Cesuras esíxelle ao alcalde que dea explicacións sobre a falla de subministro de auga potable 

Os grupos políticos da oposición en Oza-Cesuras reclaman un pleno extraordinario para abordar os problemas no abastecemento de auga potable do municipio, que leva varios días sen funcionar na zona de Cesuras por mor dunha avaría. 

O PSdeG-PSOE de Oza-Cesuras esíxelle ao alcalde “que dea explicacións inmediatamente, xa que é inadmisible que a cidadanía estea tanto tempo sen acceso a auga potable”. 

O escrito está asinado pola voceira socialista local Laura Sánchez Couceiro e a concelleira socialista Marta Díaz Sánchez así como pola concelleira do BNG, Estefanía Busto Dopazo, e a non adscrita Mónica Fernández Aceytuno Sáenz de Santa María. 

A oposición solicita que o pleno extraordinario teña un único punto na orde do día, a abordaxe da avaría e corte de subministro de auga potábel na zona de Cesuras por mor da “grave situación de emerxencia que sofre a zona”, onde a veciñanza acumula “máis de 96 horas consecutivas sen subministro”. 

Os grupos asinantes instan ao Goberno Municipal á “habilitación urxente de medios alternativos, especificamente camións cisterna con auga, para garantir o acceso a auga potábel nos núcleos que están a sufrir cortes no abastecemento”. 

Demandan así mesmo “total transparencia informativa por parte do Concello cara á veciñanza, explicando os motivos da avaría, a evolución dos traballos de reparación e os prazos para a restitución do servizo ao completo”. 

O texto da solicitude pide así mesmo unha avaliación técnica sobre o estado da rede de abastecemento de auga municipal, co obxectivo de executar as melloras estruturais necesarias para evitar futuras avarías desta gravidade. Tamén a aplicación automática dun desconto na factura da auga, correspondente á parte proporcional dos días nos que a veciñanza sufriu a interrupción total do servizo. 

“Ante a falta de información directa e detallada por parte do goberno local e a ausencia de medidas provisionais para paliar o desabastecemento, faise imprescindíbel levar a cabo accións de apoio á veciñanza afectada mentres o servizo non se repoña por completo, así como informar ao detalle de todas as medidas levadas a cabo polo goberno municipal e a empresa concesionaria”, engade o texto. 

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes