Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Oroso denuncia que o municipio “está a piques de perder 18.000€ anuais para Servizos Sociais por culpa da inacción do goberno local”

-O Departamento de Servizos Sociais leva ano e medio sen auxiliar administrativo ao non empregar a axuda correspondente da Deputación da Coruña

-“Xa se perderon 18.000€ o ano pasado e, se se perden tamén este ano, a penalización implicaría que se perda esa axuda de xeito definitivo”, advirte o voceiro socialista Luis Rey


O PSdeG-PSOE de Oroso denuncia que o municipio “está a piques de perder 18.000€ anuais para Servizos Sociais por culpa da inacción do goberno local”. Así o sinalou o voceiro socialista local Luís Rey, que explicou que a contía procede dunha subvención da Deputación da Coruña para contratar un auxiliar administrativo no Departamento de Servizos Sociais Municipais.

“En 2024, o goberno de Álex Doval deixou sen solicitar esta axuda, e en 2025 tiveron que socilitala para evitar a penalización por estar dous anos sen recibila, que implicaría a perda da subvención”, apunta o socialista.

“Porén, unha vez a axuda estaba provisionalmente concedida, tardaron tanto en proceder a contratación do auxiliar que tiveron que declarala deserta o pasado abril, xa que cando o fixeron non había ninguén dispoñible”, lamenta Rey.

O voceiro socialista indica que o Concello “debería ter comezado os trámites para contratar ao auxiliar nada máis saíu a resolución provisional a finais de xaneiro, cando había unha persoa na bolsa de emprego temporal interesada en vir”. “Agardaron á resolución definitiva en marzo e para entón xa non quedaba ninguén”, engadiu.

“Esta situación levou a que o Departamento de Servizos Sociais leve ano e medio sen auxiliar administrativo, derivando nun claro déficit no servizo que xera un gran descontento na cidadanía”, afirma.

Rey relata que “a xente está chamando ao servizo ou pedindo información e non lles poden atender, pero non é culpa do persoal que está ocupado precisamente en traballar coas persoas, non poden realizar á vez a súa labor e o traballo administrativo”.

“Isto só perxudica aos veciños, mermando a calidade da atención que se lle dá ás persoas que fan máis uso dos servizos sociais que son na súa maioría persoas maiores ou familias con menores a cargo”, critica.

Opcións para recuperar a axuda

“Agora, o Concello ten dúas opcións, por unha parte a dunha convocatoria pública que se demoraría meses, e por outra a da vía de urxencia ao ser un servizo básico, que dependería de se hai a sorte de que haxa alguén no INEM que poida vir”, subliña Rey.

Advirte que “xa se perderon 18.000€ o ano pasado e, se se perden tamén este ano, a penalización implicaría que se perda esa axuda de xeito definitivo, este ano e en anos sucesivos”. “Isto nunca pasara, outros anos igual se contrataba tarde, pero sempre se contrataba”, aseverou. Explica ademais que “numerosas persoas se dirixiron ao Grupo Socialista para queixarse da situación, e os profesionais do servizo corroboraron a situación, que está posta en coñecemento do alcalde e a corporación municipal”.

“Presumen de ser o Concello das Persoas, pero á hora da verdade desmantelan os servizos pola súa falta de interese e de xestión”, lamenta, engadindo que “tendo en conta os problemas que hai de persoal é unha vergoña que se perdan así os cartos”. Puxo tamén para concluír o exemplo do Centro de Interpretación do Camiño Inglés “que se deixou morrer e non fan absolutamente nada ao respecto”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes