O PSdeG de Mugardos esixe a Patrimonio e á Xunta que expliquen se hai expedientes sancionadores por non abrir o castelo da Palma
- O PSOE local anuncia que, de non haber expedientes abertos, incumprindo a Lei de Patrimonio, acudirán á fiscalía
O PSdeG-PSOE de Mugardos lamenta que un ano máis o castelo da Palma, recoñecido como Ben de Interese Cultural, permaneza pechado ao público a pesar da obriga por parte do titular de abrilo.
O voceiro socialista local José Ángel Martínez Bardanca sinala a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e á Xunta de Galicia pola súa inacción ante esta situación, e esixe coñecer se houbo expedientes sancionadores contra a propiedade do castelo.
No caso de non existir ditos expedientes sancionadores, o PSdeG de Mugardos anuncia accións legais co obxectivo de que se tomen medidas fronte a esta situación.
“Se a titularidade do castelo non foi sancionada iremos á fiscalía para denunciar por prevaricación ás persoas responsables, estes reiterados incumprimentos da legalidade non poden ficar impunes”, afirma o socialista.
Ademais, o portavoz socialista levará mañá esta cuestión á Xunta de Portavoces municipal, para continuar reclamándolle ao goberno municipal que tome medidas ao respecto.
O castelo da Palma leva catro anos pechado ao público a pesar de que a Lei de Patrimonio obriga a abrir os BIC un mínimo de catro días ao mes e durante polo menos catro horas cada día.
“Mentres, o alcalde segue enganando á veciñanza, presentándose como defensor da apertura pero non facendo nada durante os seus catro anos á fronte do Concello”, sinala o voceiro socialista.
Lembra así mesmo que esta situación está relacionada cos 2,5 millóns de euros en obrigas pendentes de pagamento do Concello, sometido a un plan de axuste e á tutela financeira obrigatoria do Ministerio de Facenda que o deixa sen marxe para asumir novos compromisos como a xestión das visitas ao castelo.
“As visitas guiadas realizadas ata 2022 eran organizadas e financiadas polo Concello mediante un convenio coa propiedade, que esixía que o goberno municipal asumise os gastos derivados da organización das visitas, a contratación do persoal e as condicións necesarias para abrir o recinto ao público”, indica.
“Seguiremos loitando en todas as frontes posibles para lograr a reapertura do castelo da Palma, como non pode ser doutro xeito ao ser un dos principais bens patrimoniais de Mugardos”, conclúe Martínez Bardanca.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS