O PSdeG de Mugardos denuncia que o Concello “pretende desfacerse do GES despois de prometer mellorar as súas condicións”
- José Ángel Martínez Barbanca amosa o seu apoio ás demandas dos traballadores do Grupo de Emerxencias Supramunicipal
O PSdeG-PSOE de Mugardos denuncia que o alcalde do municipio Juan Domingo de Deus, “pretende desfacerse do Grupo de Emerxencias Supramunicipal despois de prometer mellorar as súas condicións e unha nova base”.
O voceiro socialista local, José Ángel Martínez Bardanca, traslada ademais o seu apoio ás demandas dos traballadores do servizo, especialmente centradas na reclamación dunhas instalacións “dignas”.
“No seu momento, o pleno municipal, co voto favorable do Partido Popular, aprobou a instalación da base do GES en Mugardos para engadir seguridade á zona, que conta cunha terminal de gas e unha empresa de limpeza de buques”, explica Martínez Bardanca.
Porén, o socialista lamenta que “durante sete anos de nefasta xestión do PP externalizáronse servizos que aumentaron os gastos, tomáronse decisións y asináronse acordos perxudiciais para as contas municipais”.
“Como resultado desta xestión, o Concello está intervido polo Ministerio de Facenda”, lembra Martínez Bardanca. “Mentres, Juan Domingo de Deus que é o responsable desta situación, declara que non se pode soster o servizo do GES”, engade.
“Si que se pode soster o servizo, o que non se pode é abandonalo como fixo o PP de Mugardos”, indica o portavoz do Grupo Municipal Socialista en Mugardos. “O que non se pode é levar á ruína un Concello e logo non querer manter servizos básicos”, apunta.
“Dende o PSdeG de Mugardos seguiremos apoiando aos traballadores e esixindo unha base en condicións para o grupo de emerxencias, que desenvolve un labor fundamental na zona”, conclúe.
Os propios traballadores do GES denuncian que a súa sede actual é unha antiga vivenda con pingueiras, humidades, fendeduras, ratas e co baño na mesma estancia que a cociña. Ademais, nos primeiros seis meses tiveron que durmir no chan, entre outras deficiencias graves.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS