O PSdeG de Mañón leva á Valedora do Pobo a falta de socorristas do municipio
- O portavoz socialista local Martín Rego destaca que o concello é o único en todas as comarcas de Ortegal, Ferrol e Eume que carece deste servizo
O PSdeG-PSOE de Mañón denuncia ante a Valedora do Pobo a ausencia de socorristas nos areais do municipio, unha situación que se repite ano tras ano e que é única en toda Ferrolterra.
Martín Rego, voceiro do PSdeG local, lamenta que só haxa socorristas na piscina municipal do Barqueiro, e subliña que non hai ningún outro concello das comarcas de Ortegal, Ferrol e Eume que viva esta situación.
“Argumentan que non hai socorristas, que non hai ninguén que acceda ás prazas, pero son unicamente escusas do Concello ante a súa incapacidade de enchelas”, sinala o portavoz socialista.
“Sen socorristas, non hai bandeiras azuis, e Mañón debería ter estes distintivos como xa os tivo no pasado, só falla vontade política e iniciativa”, lamenta Rego. “Ademais, sería necesario arranxar os accesos e as pasarelas das praias, que se atopan nun estado lamentable”, puntualiza.
“Reclamámoslle ao goberno local de Mañón que se cubran as prazas de socorristas no municipio, para que veciñanza e visitantes poidan desfrutar das nosas praias de xeito seguro e digno”, conclúe o socialista mañonés.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS