Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Malpica lamenta a segunda cancelación das festas do mar en tres anos baixo o goberno do PP 

Os socialistas consideran que a suspensión desta celebración “evidencia a falta de planificación e de capacidade de xestión do goberno municipal” 

O PSdeG-PSOE de Malpica expresa a súa preocupación pola decisión do goberno municipal de non celebrar este ano as Festas do Mar, tal e como confirmou o alcalde no pleno ordinario celebrado este xoves. Trátase da segunda ocasión en apenas tres anos, tras a cancelación de 2024, na que o municipio queda sen unha das súas citas máis representativas. 

Os socialistas lamentan a perda dun evento que, aseguran, forma parte da identidade de Malpica e que durante décadas foi un referente tanto para a veciñanza como para os milleiros de persoas que cada verán visitan o municipio. 

Segundo explicou o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, no último pleno ordinario, a entidade que colaboraba na organización das festas comunicou con pouca antelación que este ano non podía asumir esa responsabilidade, polo que o goberno municipal asegura que xa non dispón de tempo suficiente para organizar as Festas do Mar e optará por substituílas por dúas sesións vermú. Dende o PSdeG consideran, porén, que “un goberno non pode converter en costume escudarse en que a responsabilidade é sempre doutros”.

Os socialistas defenden que un Concello non pode depender exclusivamente a dispoñibilidade dunha asociación para garantir a celebración dun evento desta importancia. Pola contra, consideran que corresponde ao executivo municipal liderar a organización, coordinar os distintos axentes implicados, planificar con tempo e buscar alternativas que eviten que Malpica perda unha das súas celebracións máis emblemáticas. 

“As Festas do Mar son moito máis ca un programa de actividades. Son un punto de encontro para a veciñanza, un impulso para a hostalaría, o comercio local e o turismo e, sobre todo, forman parte do sentimento colectivo de Malpica”, destacan. 

O PSdeG lembra ademais que esta cancelación non é un feito illado. Durante os últimos anos, sinalan, o municipio foi perdendo eventos e iniciativas de gran relevancia, como o Nordestazo Rock, a tradicional Procesión de Semana Santa ou a subvención da Deputación para a Mostra da Olería, dotada con 100.000 euros. 

Para os socialistas, esta sucesión de perdas “evidencia a falta de planificación e de capacidade de xestión do goberno municipal”, ao tempo que prexudica a dinamización social, cultural e económica do concello. 

Dende o PSdeG de Malpica conclúen que o municipio “merece un Concello que planifique, que reaccione e que traballe para conservar e potenciar o patrimonio cultural, festivo e social, en lugar de resignarse a velo desaparecer”. 

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes