O PSdeG de Ferrolterra celebra o compromiso histórico do Goberno de España co sector naval e e critica a incoherencia do PP
- O Executivo aprobou máis de 1.600 millóns de euros para iniciar novos programas en Navantia Ferrol, que se suman aos arredor de 5.000 millóns destinados á construción das fragatas F-110 e á modernización do estaleiro
Os socialistas da comarca de Ferrolterra celebraron con firmeza a aposta decidida do Goberno de España polo sector naval, que se traduce nun investimento histórico de máis de 2.300 millóns de euros, dos que máis de 1.600 repercutirán en Navantia Ferrol. Estes fondos permitirán iniciar a modernización das fragatas F-100 e a construción dun novo Buque de Aprovisionamento de Combate en substitución do Patiño. A eles máis de 600 para impulsar outros proxectos, como a construción dun Buque de Acción Marítima de Intelixencia e dun Buque Hidrográfico Oceánico e a actualización dos buques Galicia e Castilla. No caso destes últimos, trátase de unidades construídas no estaleiro ferrolán, polo que, dependendo da carga de traballo dos diferentes centros de produción, existe a posibilidade de que se transformen nos diques da cidade galega.
Con esta decisión, o volume de investimento destinado ao naval de Ferrol dende 2018 supera xa os 6.800 millóns de euros. Entre os programas máis relevantes atópanse o contrato global de 4.896 millóns de euros para a construción das cinco fragatas F-110, todas elas no estaleiro ferrolán, o plan de modernización das fragatas F-100 cun orzamento de 1.280 millóns ata 2031 e o novo Buque de Aprovisionamento de Combate (BAC II), dotado con 380 millóns de euros e cun impacto estimado de 3 millóns de horas de traballo e 1.800 empregos. No caso das F-100 e o BAC, trátase de consignacións económicas que medrarán conforme avancen os traballos. Xunto a estes proxectos destacan tamén a modernización dos buques Galicia e Castilla, a fabricación do Buque de Acción Marítima de Intelixencia, que substiuirá ao Buque Alerta cun investimento de 242 millóns de euros e do Buque Hidrográfico Oceánico, con 150 millóns.
Dende o PSdeG subliñan que, con este esforzo económico, o Goberno non só garante a capacidade operativa das Forzas Armadas, senón que tamén fortalece o emprego industrial e a estabilidade socioeconómica da comarca. Os socialistas consideran que Ferrol afianza así a súa posición como polo internacional de innovación naval, tecnoloxía de defensa e xeración de riqueza para Galicia.
Con todo, os socialistas “lamentan profundamente” a postura do Partido Popular, que votou en contra das mocións presentadas polo PSdeG-PSOE nos concellos de Ferrolterra e na Deputación da Coruña para apoiar o incremento do gasto en defensa, a pesar de que o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, forma parte da Comisión de Defensa no Senado. Segundo fontes socialistas, “é incomprensible que quen representa unha cidade con tradición naval centenaria e que se beneficia directamente destes investimentos, se aliñe co seu partido en contra dos intereses de Ferrol”. O PSOE de Ferrolterra considera que esta actitude evidencia unha falta de compromiso real co futuro industrial da comarca e esixe coherencia aos representantes do partido, engadindo que “non se pode estar en Ferrol vendendo fume e logo votar en Madrid contra o que realmente importa: emprego, industria e soberanía tecnolóxica”. O PSdeG de Ferrolterra reiterou o seu compromiso co sector naval e co desenvolvemento económico da comarca, asegurando que continuará traballando para que cada euro investido polo Goberno se traduza en novas oportunidades para as familias, a mocidade e os profesionais da zona.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS