O PSdeG de Curtis denuncia a morte de 363 troitas por vertidos no Mandeo: “Xa advertimos desta situación hai meses”
- O secretario xeral local Fernando Rey Leira lembra que levan “meses avisando de que a depuradora é insuficiente” e denunciaron a situación ante o SEPRONA
O PSdeG-PSOE de Curtis denuncia a morte de 363 troitas no río Mandeo provocada por vertidos en Teixeiro. “Xa advertimos desta situación hai meses”, lembra o secretario xeral local Fernando Rey Leira.
“Levamos meses avisando de que a depuradora é insuficiente para os vertidos do polígono de Curtis-Teixeiro, e por iso denunciamos a situación ante o SEPRONA”, indica o socialista.
“O polígono crece, pero a depuradora non, e non dá feito, xa quedou pequena”, advirte Rey Leira. “Hai varios meses detectamos vertidos no rio Mandeo, denunciamos dita situación, o SEPRONA veu con Augas de Galicia e tomou mostras para analizar”, engade.
“Agora, que se empeza a ver que os peixes do río aparecen mortos, asóciano aos vertidos que levamos tempo denunciando” explica o secretario xeral do PSdeG local.
Agora, lamenta Rey Leira, “a Consellería de Medio Ambiente traslada a situación ao Xulgado de Betanzos e á Fiscalía por se se tratase dun ilícito penal, pero podería terse evitado de ter escoitado as advertencias”. “Fronte á inacción da Xunta de Galicia e do Concello de Curtis, seguiremos loitando polo noso medio natural e por un polígono de Curtis-Teixeiro sostible e respectuoso co medio ambiente”, conclúe.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS