O PSdeG de Coristanco esixe que o alcalde explique as discrepancias nas cifras do orzamento municipal de 2026
- Na Comisión Informativa e ante medios de comunicación, o alcalde afirmou que o orzamento ascendía a 9.709.252,79 €, pero a documentación oficial indica 9.677.495,82
- O voceiro socialista José Manuel Pérez Abelenda reclama que se aclare “de maneira inmediata e precisa cál é o orzamento real que se someterá a votación en sesión plenaria”
O PsdeG-PSOE de Coristanco denuncia discrepancias nas cifras do orzamento municipal de 2026. “Queremos manifestar publicamente a nosa profunda preocupación ante a falta de rigor demostrada polo alcalde en relación co orzamento”, sinala o voceiro socialista José Manuel Pérez Abelenda.
Na Comisión Informativa e posteriormente ante os medios de comunicación, o alcalde afirmou que o orzamento do Concello de Coristanco para o exercicio 2026 ascende a 9.709.252,79 euros.
Porén, dende o PsdeG local afirman que toda a documentación oficial que figura no expediente, incluídos os informes de Intervención, recolle unha cifra distinta, de 9.677.495,82 €.
“A diferenza entre ambas cantidades, de máis de 31.700 euros, non é un simple erro menor nin unha cuestión anecdótica, estamos a falar de diñeiro público, e afecta directamente aos servizos, investimentos e benestar dos nosos veciños e veciñas”, afirma Pérez Abelenda.
O portavoz socialista esixe ao alcalde. Juan Carlos García que “aclare de maneira inmediata e precisa cál é o orzamento real que se someterá a votación en sesión plenaria, o anunciado publicamente ou o que figura nos informes técnicos”.
Pérez Abelenda subliña que “non pode haber dúbidas sobre o documento que se somete a aprobación” na votación no pleno. Tamén lle reclama que detalle “a que partidas correspondería a cantidade que falta no caso de que a cifra real non coincida coa anunciada”.
No seu caso, o socialista pide que se emita “un informe oficial que corrixa a discrepancia detectada, garantindo transparencia e seguridade xurídica na tramitación orzamentaria”.
Segundo Pérez Abelenda, “non se pode xogar cos números cando se trata da xestión dos recursos públicos, os veciños e veciñas de Coristanco merece transparencia, claridade e rigor”.
Continua insistindo en que “non é aceptable trasladar unha cifra en comisión informativa e nos medios de comunicación e que os documentos oficiais e o informe de intervención reflictan outra distinta”.
“Coristanco non merece improvisación nin falta de claridade en algo tan fundamental como as súas contas municipais, e esta falta de transparencia, é continua no funcionamento no Concello de Coristanco con goberno do PP”, engade o voceiro socialista.
“Desde o PSOE de Coristanco reiteramos o noso compromiso cunha xestión seria e responsable, e esiximos explicacións inmediatas e total transparencia antes de proceder á votación do orzamento no Pleno deste xoves 26”, conclúe.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS