O PSdeG de Cerdido lamenta que o goberno local do PP non presentase os orzamentos de 2025
-O voceiro socialista Brais Prieto sinala que “non hai ningunha nova real do estado dos presupostos” e que “é a segunda vez que pasa isto mesmo no que vai de lexislatura”
O Concello de Cerdido, gobernado con maioría absoluta polo Partido Popular, non conta aínda con presupostos para o presente ano 2025. Dende o PSdeG-PSOE local lamentan esta situación, lembrando que era un tema de crítica recurrente por parte do PP na anterior lexislatura.
“En febreiro, o goberno local díxonos que o seu plan era presentalos no pleno de abril, pero aínda non hai ningunha nova real do estado dos presupostos”, sinala o voceiro socialista local Brais Prieto.
“Non é a primeira vez que nos falan dun prazo que finalmente non cumpren, é a segunda vez que pasa isto mesmo no que vai de lexislatura”, afirma o socialista. “Hai que ter máis seriedade á hora de falar das contas municipais”, engade.
Prieto asegura que esta situación “retrasa proxectos e investimentos que teñen que ser recollidos no documento”. Para o voceiro socialista “isto é unha mostra máis da mala xestión do PP nesta lexislatura”.
“Abonda de excusas por parte dos populares, é tempo de traballo e solucións, xa que a veciñanza de Cerdido merece un Goberno local que estea á altura e execute os investimentos que o municipio precisa”, sentencia.
O Grupo Municipal Socialista denuncia tamén a falta de transparencia nas actuacións do Goberno local, poñendo como exemplo que “as actas dos plenos levan sen subirse á web municipal dende xullo do 2024”. “Ademais, o alcalde non contesta ás solicitudes de documentación, acceso a proxectos de obras ou respostas por escrito, e se o fai, faino tarde”, critica o socialista. “Seguiremos loitando por un Concello eficiente e transparente que solucione os problemas da veciñanza”, conclúe.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS