Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Cabanas denuncia que continúan os vertidos de auga nos sumidoiros no Piñeiral da Magdalena

O alcalde popular afirmou, nun pleno extraordinario convocado a iniciativa dos socialistas, que falara con Augas de Galicia para que non se realizasen máis vertidos procedentes das obras no paseo.


O PSdeG-PSOE de Cabanas denuncia que continúan os vertidos de auga dos sumidoiros no piñeiral da Magdalena, a pesar de que o alcalde afirmara que falara con Augas de Galicia para que non se realizasen máis vertidos.

A voceira socialista no municipio Concepción Rodríguez Ferreiro lembra que dende a formación solicitaran a reunión dunha comisión para tratar o tema dos vertidos, e que a negativa a crear tal comisión obrigou a que a oposición forzase a convocatoria dun pleno extraordinario.

“En dito pleno celebrado hai unhas semanas, o alcalde Fernando Couce, do Partido Popular, compareceu afirmando que non habería máis vertidos procedentes das obras na rede de saneamento que está a realizar Augas de Galicia no paseo da Magdalena”, explica a socialista.

“O alcalde sinalou que non había informes de ningún tipo ao respecto disto e comprometeuse a falar coa empresa, pero os vertidos continúan e o piñeiral atópase cada vez máis degradado”, lamenta.

Rodríguez Ferreiro afirma que “o desenvolvemento destas obras está a ser desastroso, con continuas queixas e reclamacións de propietarios de vehículos ou coa perda dun 60% da recadación nos negocios de hostalería”.

“Todo isto súmase aos continuos vertidos de augas sucias, sen que se esixira por parte do Goberno local comunicar os permiso pertinentes para facelos, e a conseguinte degradación medioambiental no emblemático piñeiral”, critica.

Ademais, “non está habendo ningún tipo de control ou notificación de actuacións nas tubaxes existentes, provocando roturas de aliviadoiros e agravando as inundacións ocorridas no pasado inverno”, denuncia a socialista. “Isto causou situacións experpénticas aos veciños desa zona, que nin podían saír da casa”, engade.

“A indignación da veciñanza ante esta situación e patente, polo que o primeiro é poñelo de manifesto e que se tomen as medidas para o correcto control do discorrer destas obras”, indica Rodríguez Ferrero.

“Urxe tomar medidas máis drásticas, fronte a inacción do goberno actual, ao que non lle parece importar o máis mínimo o impacto que terá nun futuro inmediato a saúde dun dos espazos naturais e de ocio máis estimados de Cabanas”, concluíu en referencia ao piñeiral.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes