O PSdeG de Abegondo critica que os orzamentos do concello “copian e pegan os do 2024 e ignoran as demandas da veciñanza”
-Jairo Bello lamenta as “moitas carencias” a nivel educativo, deportivo ou social dos presupostos, que se presentan no pleno extraordinario “con 3 meses de retraso”
-O voceiro socialista sinala ademais que a subida de impostos proposta polo Goberno local para o pleno é “ineficaz e sen sentido de ningún tipo”
O Grupo Municipal Socialista de Abegondo critica que os orzamentos do Concello para 2025, que serán debatidos no pleno extraordinario de mañá 13 de marzo, “copian e pegan os do 2024 e ignoran as demandas da veciñanza”.
Así o expresou o voceiro socialista local Jairo Bello, que recalcou ademais que “o Partido Socialista leva insistindo en todos os plenos anteriores, preguntando cando se ían presentar os presupostos, e non se fixo ningunha proposta nin se nos convocou a nada”.
“Outros anos o presuposto ía a pleno extraordinario en maio, como o ano pasado, e aínda que esta vez non fose así segue indo con tres meses de retraso”, lamentou o socialista.
Jairo Bello explica que “o presuposto ten moitas carencias porque destina unha parte moi importante a adquisición de terreos, locais e vivendas, especialmente un local en Santiso que é dun particular co que negociaron privadamente a compra por 400.000 euros”.
“Consideramos que é algo nefasto a nivel de xestión, porque actúan como unha axencia inmobiliaria comprando parcelas e edificacións a particulares en vez de negociar procedementos doutro tipo”, apunta.
Bello considera que “os incrementos para bolsas educativas son insuficientes, pois temos aos nosos universitarios en Abegondo completamente desamparados e con moi poucas axudas”. “Consideramos así mesmo insuficiente toda a partida para emerxencia social”, engade.
“A nivel de infraestruturas deportivas o investimento é tamén moi deficiente, contamos cunhas infraestruturas deportivas que precisan dunha renovación importante e non se ten en conta”, subliña o portavoz socialista.
Ademais afirma que “en canto a obras e saneamento non hai nada novo no orzamento, hai obras nos presupostos dos últimos anos que aínda están sen executar e sen previsión, e para o saneamento, un servizo que consideramos primordial e do que moitos veciños e veciñas carecen nas parroquias, non se destinan os recursos suficientes”.
Máis alá dos orzamentos, no pleno extraordinario do xoves tratarase tamén o incremento dunha taxa ICIO (Imposto de Construción, Instalación e Obras) para permisos, licenzas de obra ou reformas. “Terá un incremento importante, están subindo un imposto municipal que consideramos totalmente inxustificado”, advirte Bello.
Para o socialista “simplemente incrementan esa taxa para aumentar a recadación, para o Partido Socialista é algo ineficaz e sen sentido de ningún tipo, que fan mentres sobe en xeral o custo da vida para a veciñanza”.
“Todo o valor do mercado inmobiliario foise incrementando e eles non axudan en nada, non podemos pretender que a xente de Abegondo poida construír ou establecerse no noso municipio e demais mentres se aumentan as taxas, facéndoo todo aínda máis prohibitivo”, indica o voceiro.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS