Skip to content

Galego

Español

O PSdeG da Laracha pide máis previsión e control do gasto ante as modificacións orzamentarias do Concello

-Inés Ramos López lembra no pleno que empregar o remanente de tesourería “sen planificación suficiente pode acabar comprometendo o equilibrio financeiro” da institución

-“Seguiremos atentos para que futuras modificacións inclúan tamén actuacións que leven solucións a zonas onde a dotación de servizos aínda é claramente insuficiente”, indica a voceira socialista local


O PSdeG-PSOE da Laracha reclamou no pleno municipal extraordinario de hoxe, mércores 23 de abril, máis previsión e control do gasto no Concello.

O Grupo Municipal Socialista votou a favor do Plan Económico-Financeiro e do Expediente de Crédito Extraordinario propostos polo Goberno local no pleno, mantendo, en palabras da voceira socialista local Inés Ramos López, “unha actitude construtiva pero tamén vixiante, co obxectivo de que se cumpra rigorosamente cos límites marcados pola normativa”.

A socialista destaca sobre o Plan Económico-Financeiro que foi “elaborado como consecuencia do incumprimento da regra de gasto e do obxectivo de estabilidade orzamentaria na liquidación de 2024”. Dito incumprimento vén provocado pola utilización do remanente líquido de tesourería para financiar gasto non financeiro, é dicir, modificacións orzamentarias ao longo do ano.

“É importante lembrar que o uso do remanente é legal e, en moitas ocasións, útil para executar investimentos, pero tamén é certo que cando se recorre de maneira frecuente e sen planificación suficiente pode acabar comprometendo o equilibrio financeiro a medio prazo”, subliñou.

“Dende o noso grupo consideramos imprescindible que se aplique un maior control na execución do orzamento e nas futuras modificacións, especialmente cando se empregan recursos extraordinarios como o remanente de tesourería”, engadiu.

Sobre a proposta de modificación orzamentaria, que recolle diversas actuacións que dende o PSOE consideran necesarias, afirma que “segue habendo unha importante marxe de mellora no que respecta á distribución dos investimentos e á atención a certas necesidades estruturais que seguen sen resposta”.

“Falamos, por exemplo, de servizos básicos como o saneamento, o abastecemento de auga ou o acondicionamento de espazos públicos, que seguen sen chegar a moitas zonas do concello e que a veciñanza leva tempo demandando”, explicou.

Ramos López mencionou a este respecto lugares como o Loureiro (Coiro), Guilfoi, Meáns, Bustelo. Estas actuacións “deberían ocupar un lugar prioritario á hora de establecer as modificacións orzamentarias, por seren fundamentais para a calidade de vida e para garantir unha mellor igualdade de acceso aos servizos municipais”.

“Sendo esta modificación orzamentaria tan ampla e producíndose pouco despois da aprobación do orzamento anual, cómpre mellorar a previsión inicial e anticiparse mellor ás necesidades reais do concello”, apuntou.

“Seguiremos atentos para que futuras modificacións inclúan tamén actuacións que leven solucións a zonas onde a dotación de servizos aínda é claramente insuficiente”, concluíu a voceira socialista.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes

LunMarMiéJueVieSábDom
2829301234567891011121314151617181920212223242526272829303112345678
LunMarMiéJueVieSábDom
2829301234567891011121314151617181920212223242526272829303112345678