Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG da Laracha denuncia unha “mentira histórica” do alcalde sobre o macroproxecto de planta de biogás

  • Inés Ramos lembra que “o PSOE xa preguntara no Pleno en 2022 polo proxecto tras un anuncio de Feijóo, e o alcalde respondeu que non sabía nada, pero agora sabemos que o Concello xa tiña consultas nese ano”
  • A voceira socialista cualifica a situación de “escándalo político”: “O alcalde non só ocultou o proxecto durante catro anos, senón que mentiu deliberadamente á corporación e a todos os veciños e veciñas”

A voceira do Grupo Municipal Socialista na Laracha, Inés Ramos, calificou de “mentira histórica e deliberada” as afirmacións do alcalde José Manuel López Varela sobre que descoñecía inicialmente o proxecto de planta de biogás no municipio.

Ramos afirma que “o PSOE xa preguntara no Pleno en 2022 polo proxecto tras un anuncio de Feijóo, e o alcalde respondeu que non sabía nada, pero agora sabemos que o Concello xa tiña consultas nese ano”, e considera a situación un “escándalo político”.

A socialista anuncia “unha contundente ofensiva institucional” sobre esta cuestión, considerando que “o alcalde non só ocultou o proxecto durante catro anos, senón que mentiu deliberadamente á corporación e a todos os veciños e veciñas”.

Tras a reunión do pasado luns entre a plataforma veciñal Stop Biogás A Laracha e o Grupo Popular no Parlamento de Galicia, os deputados do PP admitiron que o Concello da Laracha xa recibira consultas e solicitudes de información sobre a parcela industrial para o proxecto no ano 2022.

“No ano 2022, dende o PSOE preguntamos formalmente no Pleno por este proxecto, xusto despois de que Feijóo o anunciase no seu último Consello da Xunta”, subliña a portavoz socialista. “A resposta do alcalde nese pleno foi que non sabía absolutamente nada”, engade.

Para a voceira socialista, a admisión actual do PP deixa ao rexedor “nunha posición politicamente insostible e inmoral”. “O alcalde non só calou por incompetencia, senón que mentiu descaradamente no Pleno para ocultar un macroproxecto que levaba catro anos gardado nun caixón”, denunciou.

O PSdeG local rexistrou xa unha batería de preguntas esixindo que o alcalde aclare esta “gravísima contradición” e dea acceso inmediato a toda a documentación, correos e entradas de rexistro dende o ano 2022.

“Queremos saber os días exactos, queremos saber se cando nos mirou aos ollos no Pleno e nos dixo que non sabía nada, xa tiña o proxecto enriba da mesa do seu despacho”, insistiu Ramos.

A voceira advertiu que López Varela “busca gañar tempo e anestesiar á veciñanza” ao falar agora de prazos de dous anos para a tramitación: “Quen mentiu en 2022 non ten ningunha credibilidade en 2026”. “Imos esixir total transparencia e poñer todos os recursos do PSOE á disposición da plataforma veciñal para frear este ataque á nosa saúde e á nosa contorna”, conclúe a concelleira socialista.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes