O PSdeG da Laracha critica a “incapacidade” do goberno local tras aprobar outra modificación de crédito de máis de 900.000€
O Grupo Municipal do PSOE da Laracha critica a “continua improvisación e falta de rigor orzamentario” do goberno local tras a aprobación inicial dun novo Expediente de Modificación de Créditos por un importe total de 914.074,40 euros con cargo integramente ao Remanente de Tesouraría para Gastos Xerais.
A portavoz municipal socialista, Inés Ramos, sinalou que este novo expediente, o terceiro suplemento de crédito no que vai de ano, “confirma a incapacidade do Concello de deseñar un orzamento realista e ben estruturado, condenándoo a vivir nun parcheo económico constante”.
Ramos denuncia que unha parte substancial deste crédito emprégase “para cubrir deficiencias en proxectos xa adxudicados e en marcha, é dicir, para parchear proxectos mal deseñados e con imprevistos supostos e moi custosos”.
Puxo como exemplo os 99.000 euros adicionais necesarios para a reforma da Casa Consistorial, os máis de 47.000 euros para a Reitoral de Montemaior ou os 123.000 euros extra para reparar a cuberta da piscina municipal, xustificados por circunstancias non previstas inicialmente.
“Non podemos falar de erro puntual cando o modus operandi habitual do PP é licitar obras con proxectos mal definidos que logo acaban custando moito máis diñeiro a todos os veciños e veciñas da Laracha”, afirmou Inés Ramos. “Usar continuamente o remanente para pagar sobrecostos e mala planificación non é xestionar, é tapar buratos”, engade.
Malia á dura crítica ao modelo económico do alcalde, o Grupo Socialista optou pola abstención “por responsabilidade coa veciñanza, para non frear actuacions necesarias e que o Concello non perda estes recursos”.
O expediente inclúe investimentos en servizos básicos como a mellora do alumeado público en Torás, Caión e Montemaior, por 44.518 €. Tamén a renovación do local social do Rapadoiro en Coiro por 48.382 €, a da seguridade dos xogos no parque infantil da Praza do Concello por 36.000 € ou a reforma do pavillón polideportivo de Paiosaco por 263.862 €.
“A nosa postura é de estrita responsabilidade cos veciños e veciñas das distintas parroquias, que non teñen por que pagar as consecuencias da mala xestión do goberno municipal”, explica a voceira socialista.
“Apoiamos que eses cartos vaian a obras que fan falta, pero non imos dar un cheque en branco nin ser cómplices dunha política económica baseada no descontrol e no despilfarro”, concluíu, adiantando tamén que o PSOE “fiscalizará ao detalle a execución e os plazos de cada un destes contratos”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS