Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG acusa o goberno de Ribeira de converter o pleno “nunha sucesión de rectificacións, escusas e contradicións”

  • Non estamos ante erros puntuais, estamos ante unha forma de gobernar baseada na improvisación, na falta de rigor e na mentira como mecanismo de defensa”, afirma Francisco Suárez-Puerta

O Grupo Municipal Socialista de Ribeira denuncia que o último pleno “volveu evidenciar a perda de control do goberno local sobre a xestión municipal”.

Para o PSdeG, o executivo converteu a sesión nunha sucesión de correccións de expedientes mal tramitados, explicacións contraditorias e xustificacións sen consistencia. “Quinto punto, quinto erro” chegou a sinalar durante a celebración do pleno Francisco Suárez-Puerta, voceiro socialista local.

O socialista sinala como exemplo a subsanación das obras do POS+2026, con expedientes que chegaron ao pleno sen incorporar correctamente as modificacións solicitadas e mantendo referencias a unha norma derrogada hai xa catro anos: “Non é aceptable escudarse en que os técnicos teñen moitos proxectos atrasados, o que procede é presentar os proxectos ben, adaptados á legalidade e respectando os convenios dos traballadores”

A mesma falta de rigor, segundo o portavoz socialista, apareceu coa inmatriculación do parque de San Roque. O grupo socialista votou a favor da inmatriculación, pero reiterou a súa oposición a que se utilice o parque periurbano para construír alí a residencia de maiores.

“Queremos unha residencia para Ribeira, pero non nunha zona costa arriba, no medio do monte, afastada do centro e illando as persoas usuarias”, afirmou Suárez-Puerta, que subliñou que “esa parcela non é a adecuada para facer unha residencia”.

Tamén censurou a actitude da alcaldesa durante o debate, “ao tentar xustificar a súa posición con referencias legais inexistentes” e argumentos que, segundo os socialistas, non se corresponden coa realidade: “Cando se lle di que está mentindo á veciñanza, pretende expulsarnos do pleno por non asentir e calar”.

No mesmo pleno, o PSdeG apoiou o recoñecemento a Quico Domínguez, proposto pola veciñanza, para que un espazo leve o seu nome diante da que foi a súa casa no Pombal.

Fronte a proposta do PP sobre aparcadoiros disuasorios “sen localización, sen calendario e sen proxecto”, Suárez-Puerta defendeu “unha política turística seria e a necesidade de crear aparcamentos para residentes”. “Queremos turismo, pero con control e priorizando a quen vive aquí, para poder prepararnos mellor para recibir as persoas que nos visitan”, agregou.

O concelleiro socialista criticou tamén a “clara descoordinación” entre PP e PBBI, sinalando que “o carril bici de Palmeira volveu a deixar en evidencia as tensión internas do goberno”.

“O PBBI di que o proxecto se pode modificar e o PP que non, a alcaldesa comeza negando problemas de velocidade na estrada e acaba recoñecendo que hai vehículos que circulan a máis de 70 km/h, e o goberno di á veciñanza que gañará espazo mentres pretende encaixar máis usos nos mesmos metros”, critica o edil.

“Din que falan coa veciñanza, pero o certo é que o proxecto xa estaba aprobado e adxudicado cando se reuniron cos veciños. Non pretendían modificar nada, só facer propaganda”, lamenta Suárez-Puerta. O PSdeG apoiou así mesmo a moción conxunta da oposición, impulsada coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, para defender o monumento da memoria democrática. “Aquí houbo Guerra Civil, houbo persoas represaliadas e Ribeira non pode permitir que se ataque a súa memoria”, concluíu o concelleiro.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes