O Pleno de Mañón aproba a moción do PSOE para que a base militar de Estaca de Bares pase a mans da Deputación
- A iniciativa permitirá que a antiga base sexa rehabilitada e integrada na rede provincial de baterías de costa, co obxectivo de rescatala do abandono dado o seu valor histórico, patrimonial e estratéxico
O pleno de Mañón aprobou unha moción do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE para solicitar ao Concello a cesión á Deputación da Coruña dos terreos e restos da antiga base militar estadounidense de Estaca de Bares, co obxectivo de incluír este enclave no Plan de Recuperación e Posta en Valor das Baterías de Costa de Ferrolterra impulsado pola institución provincial.
A moción, que xordeu no seo dunha reunión da Agrupación Socialista de Mañón, busca dar unha saída digna e útil aos máis de 65.000 metros cadrados ocupados polas antigas instalacións militares, construídas en 1960. Hoxe están nun estado de abandono e deterioro, malia o seu enorme valor histórico e patrimonial e a súa ubicación estratéxica no punto máis setentrional da Península Ibérica, dentro dun espazo natural protexido da Rede Natura 2000.
O portavoz socialista, Martín Rego, lembra que Estaca de Bares “foi un enclave fundamental durante a Guerra Fría e un dos primeiros puntos de contacto social e cultural entre a veciñanza e o persoal estadounidense destinado na base”. Rego destaca que, unha vez desmantelada en 1991 e tras décadas de abandono, “é momento de poñer fin ao deterioro e esquecemento dun espazo único e recuperalo para o uso público, o turismo responsable e a divulgación histórica”.
Integración nun proxecto que avanza en Valdoviño, Ares e Ferrol
A moción socialista subliña que a antiga base “encaixa á perfección” na liña de traballo que a Deputación da Coruña desenvolve a través do seu Plan específico de Recuperación e Posta en Valor das Baterías de Costa de Ferrolterra, un programa que este ano ten impulsado convenios de rehabilitación coas baterías situadas en Valdoviño, Ares e Ferrol.
Segundo o PSdeG de Mañón, incorporar Estaca de Bares a esta rede permitiría ampliar o atractivo turístico e cultural da comarca, diversificar a oferta e reforzar a protección dun contorno ambiental único.
A proposta socialista insta ao Concello de Mañón a ceder formalmente os terreos á Deputación, paso imprescindible para que a administración provincial poida iniciar estudos, proxectos e intervencións de recuperación.
“Non podemos permitir que un espazo deste valor continúe degradándose. A Deputación xa está recuperando antigas instalacións militares noutros concellos, transformándoas en recursos culturais, turísticos e educativos. Queremos que Mañón tamén forme parte deste proceso”, afirma Rego. No pleno decidiuse que o goberno municipal de Mañón solicitará unha reunión co presidente da Deputación para ver a posibilidade de encaixar esta proposta no Plan de Recuperación das Baterías da Costa Ártabra.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS