Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O parlamentario socialista Aitor Bouza reclama á Xunta que atenda as reivindicacións das propietarias e propietarios das Fragas do Eume

  • O parlamentario participou na concentración entre Pontedeume e Cabanas e avanzou que o PSdeG volverá levar o asunto ao Parlamento galego para esixir compromisos concretos á Consellería de Medio Ambiente

O parlamentario socialista Aitor Bouza participou hoxe na concentración convocada entre Cabanas e Pontedeume polas propietarias e propietarios das Fragas do Eume para reclamar á Xunta de Galicia que atenda as súas demandas. Bouza explicou que o Grupo Socialista vén trasladando esta cuestión ao Parlamento de Galicia e que continuará facéndoo ante o que cualificou como “silencio” do Goberno galego.

O deputado lembrou que esta mesma semana, na comisión parlamentaria na que compareceu a conselleira de Medio Ambiente para presentar as liñas orzamentarias do seu departamento, o PSdeG instou á responsable autonómica a recibir ás persoas propietarias das Fragas do Eume. “Requirímoslle e esixímoslle á conselleira que recibira ás propietarias e aos propietarios das Fragas do Eume, pero non contestou, nin na primeira intervención nin na segunda”, sinalou.

Bouza afirmou que a Xunta non só debe escoitar as súas demandas, senón tamén “acometer ese plan e esa calendarización que están solicitando para que se produzan as actuacións que ten que facer a Xunta de Galicia no Parque das Fragas do Eume”.

Durante a súa intervención na comisión parlamentaria desta semana, Bouza xa reclamara á conselleira que confirmase se tiña previsto reunirse coas propietarias e propietarios, e que avanzase nun calendario para as adquisicións e nun plan específico de actuación. “Non nos quedemos nos anuncios que se fagan nesta comisión, senón que avancemos realmente nesas cuestións”, manifestou o deputado socialista. Bouza concluíu que o Partido Socialista seguirá insistindo no Parlamento ata que a Xunta de Galicia e a súa conselleira dean “unha resposta inmediata, tanto orzamentariamente como politicamente” ás reivindicacións das persoas propietarias das Fragas do Eume.


Aitor Bouza – protestas Fragas do Eume – out25
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes