O Grupo Parlamentario Socialista esixe a inmediata rehabilitación dos institutos de Betanzos, que o PP xa prometeu como “inminente” en 2023
Silvia Longueira denunciou no Parlamento a “utilización política” dun problema que padecen as nenas e os nenos, e advertiu que o municipio betanceiro “ten veciños e veciñas de primeira división, igual que os de outros concellos”
Criticou o “estado lamentable” do CEIP Francisco Vales Villamarín e dos IES Francisco Aguiar e As Mariñas, provocado polo desleixo dunha consellería “que nin premia o esforzo nin a implicación: premia o colegueo”
Os concelleiros de Educación e de Mocidade asistiron ao pleno no que a deputada socialista lle pediu explicacións ao conselleiro polo bloqueo das melloras que precisan os centros educativos brigantinos.
O Grupo Parlamentario Socialista vén de reclamar no pleno do Parlamento de Galicia a reparación inmediata dos centros educativos de Betanzos, comprometida polo PP como “unha inminente licitación” durante a campaña das eleccións municipais de 2023. Silvia Longueira denunciou o que cualificou de “grave utilización política das necesidades das nenas e dos nenos”, xa que tanto o CEIP Francisco Vales Villamarín coma os IES Francisco Aguiar e As Mariñas seguen presentando, dous anos despois, graves deficiencias. O concelleiro brigantino de Educación, Andrés Hermida, e o de Mocidade, Ricardo Cheda, seguiron desde a tribuna de convidados o debate dunha iniciativa que tiña como obxectivo coñecer se o Goberno de Rueda ten pensado acometer, a curto prazo, as obras precisas.
A parlamentaria do PSdeG reprochoulle ao conselleiro de Educación o “castigo” ao que está sometendo ao alumnado de Betanzos e da comarca, que padece en primeira persoa a situación “dramática” na que se atopan as instalacións, cun “abandono total” por parte do Goberno galego pese a que “son referente” pola súa calidade educativa. Pero a consellería “nin premia o esforzo, nin premia a implicación: premia o colegueo”.
Longueira recordou que tanto o persoal docente coma as ANPA veñen denunciando a situación e “a marxinación” que sofre a comunidade educativa betanceira, xa que aos rapaces e rapazas da localidade estáselles a negar o acceso ao ensino en igualdade de condicións que noutros concellos onde a Xunta si está investindo na mellora das infraestruturas. “Por que institutos xemelgos do Aguiar contaron cunha reforma correcta, e o de Betanzos non a merece?”, preguntouse. Nese senso, esixiu coñecer os criterios da consellería para acometer rehabilitacións integrais nos centros, porque “Betanzos ten veciños e veciñas de primeira división, igual que Arzúa”.
Respecto do colexio de infantil e primaria, a responsable socialista reclamou o segundo bloque de arranxos que se necesitan para completar a súa recuperación, unha actuación que o Goberno de Rueda “se resiste a desbloquear”. Iso acontece, advertiu, nun dos centros con maior número de matrículas de toda Galicia. Entre outros problemas, o edificio presenta filtracións de auga, pingueiras, perdas térmicas e fallos na iluminación.
Algo semellante acontece no pavillón polideportivo que se atopa no mesmo recinto. Iso afecta non só aos e ás estudantes, xa que tamén impide que se poida utilizar para adestramentos e competicións federadas por parte dos clubs deportivos. Os problemas non rematan aí, dado que a falta de espazo obriga a converter o salón de actos en comedor escolar. Moitas das eivas son paliadas polo Concello, pese a que se trata de cuestións non de mantemento, senón de carácter estrutural. E a situación é semellante no Francisco Aguiar, onde alumnos e alumnas da localidade e dos concellos limítrofes acoden cada día ás clases de ESO, bacharelato e dous ciclos de ensinanza superior. “Quen faga unha visita ao centro non crerá o que vai ver: pingueiras sobre instalacións eléctricas e mesmo en aulas de informática, humidades ancestrais que provocan un ambiente totalmente insalubre, cachotes que caen sobre zonas comúns…”, enumerou Silvia Longueira entre outras deficiencias que converten “nunha verdadeira xincana” estudar neses edificios. No IES As Mariñas, pola súa banda, fíltranse humidades a través das cubertas de uralita con amianto e un illamento térmico deficiente.
Consulta esta noticia na web do PSdeG.

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS