Inés Ramos e Patricia Iglesias presentan as alegacións do PSdeG ao proxecto de planta de biogás na Laracha
- A voceira socialista local e a deputada autonómica ofreceron unha rolda de prensa explicando as consecuencias que podería ter esta planta
O PSdeG-PSOE presenta diversas alegacións ao proxecto de planta de biogás en Soandres, A Laracha, coa fin de evitar que se instale nesta parroquia unha planta que, advirte, tería numerosas repercusións negativas para a vida da veciñanza.
A voceira do PSdeG da Laracha, Inés Ramos López, presentou ditas alegacións xunto á deputada autonómica Patricia Iglesias Rey, realizando unha rolda de prensa conxunta na que explicaron que estas se fundamentan nas consecuencias que o proxecto tería na veciñanza e o medio.
Ramos López enumera “a afectación ao día a día e á saúde dos veciños e veciñas, desprotección do noso patrimonio arqueolóxico, contaminación do río Anllóns, río que dá de beber á case toda a comarca, entre outras cuestións”.
“Tamén mencionamos o informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, no que, nun proxecto análogo” noutra ubicación do territorio galego, explica, pronunciouse “alto e claro e manifestaba que este proxecto non era viable medioambientalmente”.
“Dende o PSOE da Laracha estamos esperando con ansia ver que é o que di respecto ao caso de Soandres Augas de Galicia”, afirma a voceira socialista local.

Criticou así mesmo que o alcalde da Laracha “se posicione ó lado dos veciños a través dunha moción presentada polo Partido Socialista, pero cando chega a Santiago a cousa é moi distinta”. “Alcalde, fale cos seus compañeiros, dígalles que reciban aos veciños e veciñas e que reflexione sobre a súa postura neste punto”, subliña a socialista.
Ramos, en referencia a un dos lemas coreados na manifestación veciñal celebrada o 9 na que o PSdeG estivo presente, pide a Alfonso Rueda que escoite “porque a Laracha está en loita”, e cando se trata de defender os dereitos e os intereses dos veciños e veciñas “non hai que dar ningún paso atrás”.
Pola súa banda, Patricia Iglesias indicou que “no Parlamento de Galicia se amosou esa hipocresía da que falaba a nosa voceira Inés Ramos”, e salientou que “a conselleira non respondeu á demanda dos veciños” e da plataforma veciñal en contra do proxecto. Para Iglesias, pronto se verá se o goberno galego, Augas de Galicia o informe de declaración de impacto ambiental se pronuncian respecto a esas afectacións negativas, agardando “que estea á altura tanto o concello e o seu alcalde como tamén ao goberno galego e rexeite a planta de biogás de Soandres na ubicación prevista”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS