Bernardo Fernández denuncia en Ferrol a situacion “inadmisible e vergoñenta” do transporte público na comarca
- O secretario xeral provincial acudiu xunto ao parlamentario socialista Aitor Bouza á última concentración da Plataforma pola Defensa do Transporte Público Digno en Ferrol e Comarca
Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral do PSdeG Provincial da Coruña, e Aitor Bouza, deputado socialista no Parlamento galego, acudiron hoxe á concentración da Plataforma pola Defensa do Transporte Público Digno en Ferrol e Comarca diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia nesta cidade.
Fernández, tamén alcalde de Pontedeume, reclamou que se “adopten medidas de forma inmediata que rematen coa situación totalmente inadmisible e vergoñenta na que se atopa o servizo de transporte público por estrada”.
“Unha situación que vimos denunciando partidos políticos, concellos e usuarios e usuarias dende hai anos sen que por parte da consellería competente se adopte ningún tipo de medida”, indicou, que “vén de longo, dende que se licitaron os novos contratos”.
O socialista enumera “autobuses que non chegan a tempo, autobuses que non chegan, autobuses ateigados de persoas con viaxeiros de pé”. “Un servizo que deixa a persoas tiradas nas paradas de autobús porque non hai capacidade suficiente”, engade.
“Vai sendo hora de que quen ten a competencia nesta materia, total e exclusiva, adopte medidas correctoras”, sinala Fernández. “Hai menos frecuencias que cos contratos anteriores, horarios que nada teñen que ver cos horarios normais de entrada nos centros educativos ou nos centros de traballo de moitos dos usuarios”, indica.
“Reclamamos da Xunta de Galicia que se poñan xa mans á obra e que rematen con esta situación que é vergoñenta e dende logo que nada ten que ver coa dun país do século XXI”, conclúe o secretario xeral do PSdeG provincial.
Pola súa banda, Aitor Bouza encadra a súa presenza na concentración no que “dende o Partido Socialista levamos facendo durante estas últimas semanas e os últimos meses, que é exixirlle ao señor Rueda que garanta unhas condicións de transporte público axeitadas para todos os cidadáns e cidadás”. “Esta comarca non pode quedar illada do resto de Galicia”, apunta.
O deputado socialista quixo amosar o seu apoio “a todas as persoas que a día de hoxe se están manifestando”, tamén ás que están “exixindo unhas condicións laborais dignas no seu posto de traballo”. “Non pode ser que o señor rueda estea atacando claramente os seus dereitos”, lamenta.
“Seguiremos traballando da mán de toda a cidadanía para levar toda esta voz, todas estas reivindicacións ao Parlamento galego, que é realmente onde vamos a seguir facendo forza dende o partido socialista, non só na rúa, senón tamén nas institucións onde estamos para revertir esta situación que consideramos que é absolutamente insoportable”, remata Bouza.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS