O PSOE da Laracha critica “que o alcalde lle pague 14.000€ a unha empresa para non ter que negociar el co funcionariado”
O PSdeG-PSOE da Laracha denuncia que o alcalde do municipio non asistiu ás negociacións respecto do persoal da Policía Local, que leva inoperativa dende maio deste ano.
A voceira socialista local Inés Ramos López critica a xestión municipal desta problemática, censurando tamén que se asignase a elaboración da Relación de Postos de Traballo a unha empresa privada en lugar de tela realizado un técnico municipal.
Ramos López afirmou que “resulta chocante que o alcalde lle pague 14.000€ a unha empresa para non ter que negociar el co funcionariado cando esta debería ser a súa responsabilidade”.
“Ante a ausencia de Policía Local en activo, o Partido Socialista mantivo contacto coa institución para saber que era o que ocorría”, explica a voceira.
“Solicitamos por rexistro as denuncias tramitadas pola Policía Local nos últimos 6 meses, o expediente administrativo de adxudicación a unha empresa privada de elaboración da RPT, o contrato que se firmou con esta empresa e as actas da mesa de negociación da RPT”, sinala.
A socialista indica que “houbo negociacións ao longo deste verán, pero o alcalde José Manuel López Varela non se presentou nelas, acudindo no seu lugar a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López Rey”.
“Manifestóusenos tanto por parte da Policía Local como por parte da secretaría do Concello que non existen actas destas negociacións, só uns borradores que están sendo elaborados agora, cando a última reunión foi en xullo”, lamenta a voceira.
“Instamos ao alcalde a responder a onde estaba durante as negociacións e por que se contrata a elaboración da RPT a unha empresa privada cando podería tela realizado un ténnico do Concello, o que tería sido un aforro para toda a veciñanza”, concluíu.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS