Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

Os socialistas de Malpica piden “a dimisión inmediata de Alfredo Cañizo, non pode seguir un día máis no concello”

“Se non dimite, tería que cesalo o alcalde ou dimitir o propio alcalde”, sostén Walter Pardo, portavoz do PSOE local


Os socialistas de Malpica consideran que “Alfredo Cañizo non pode seguir nin un día máis no concello, ten que dimitir e, se non dimite, tería que cesalo o alcalde ou dimitir o propio alcalde”.

“Xa son moitos e moi variados os enfrontamentos e encontronazos con distintos colectivos sociais, económicos e culturais de Malpica”, sostén o portavoz do PSOE, Walter Pardo.

Pardo lembra os problemas coas tres asociacións culturais do concello (Malante, Carcaxía e Raigañas), que por non ir ao irmandamento con Malpica de Tajo, nos dous últimos anos non foron invitados á Festa Galega; con Olería de Buño, ou coa comisión de festas Mallas de Área, que non organizará este ano a Festa do Mar.

“Chove sobre mollado e o alcalde, que é o que ten as competencias, non fai nada e mira para outro lado, consentindo”, lamenta o PSOE, que fai referencia ademais “aos 1.800.000 euros en facturas sen pagar que acumula o concello”.

“Nós xa sufrimos a este señor no goberno e parámoslle os pes, o que nos costou unha moción de censura do PP con él; uns defendimos os intereses dos veciños e veciñas de Malpica e o pagamos cunha moción de censura, mentres que o PP prefire tragar, consentir e permitir”, apunta Pardo. “O alcalde debería de dimitir por consentir o comportamento deste concelleiro e antepoñendo o pacto de goberno con Cañizo antes que o colectivo oleiro, o colectivo cultural e agora a comisión de festas. Esta xente merece o máximo respecto, dedican o seu tempo libre a facer unha Malpica máis cultural, tradicional e festiva”, remata Pardo.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes