Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE da Laracha reclama o aumento de prazas do Fogar Residencial para persoas maiores

Ademais, presentará no pleno municipal unha moción para instar á Xunta a restituír a Secretaría Xeral de Igualdade e unha pregunta sobre a inclusión do Concello na Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle


O PSdeG-PSOE da Laracha presentará no pleno municipal deste xoves, día 30 de maio, unha moción coa que reclama o aumento de prazas no Fogar Residencial para persoas maiores do municipio.

Ademais, presentará tamén unha moción para instar á Xunta de Galicia a restituír a Secretaría Xeral de Igualdade e unha pregunta sobre a inclusión do Concello na Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle.

A voceira socialista local Inés Ramos López explica que na Laracha viven “máis de 3.000 persoas que teñen entre 65 e 90 anos de idade”, para as que “unicamente existe un fogar residencial que apenas conta con 18 prazas”.

“Esta falta de equipamentos leva aparellada a ausencia dunha batería de actividades e accións que son claves para o envellecemento activo e que non só retrasaría patoloxías do envellecemento, senón que melloraría a saúde de moitos maiores que non teñen praza nin visos de tela, no único centro de día do municipio”, sinala a socialista.

Ademais, a esta situación “súmanse os retrasos que, por parte da Xunta de Galicia, trae aparellado a Lei de Dependencia”, xa que “desde a Consellería de Política Social non son capaces de dar resposta aos dereitos que os dependentes de a Laracha teñen recoñecidos”, critica Ramos López.

Por estes motivos, o PSOE local reclamará ao Concello “un estudo exhaustivo sobre a demanda actual e proxectada de prazas en residencias de maiores”, de cara a instar á Xunta a aumentar o número de prazas públicas no Fogar Residencial en liña co citado estudo.

Tamén instan á Xunta de Galicia a axilizar a xestión da Lei de Dependencia dos veciños de Concellos cun forte compoñente rural”, como é o caso da Laracha.

No relativo á eliminación da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, cuxas atribucións ficaron repartidas en dúas direccións xerais, o grupo municipal socialista denuncia que isto supuxo “baixar o rango das políticas de igualdade e desligar estas políticas da loita contra a violencia de xénero”.

Inés Ramos di que este movemento “nos devolve a unha visión totalmente asistencialista, carente da necesaria abordaxe integral das discriminacións por razón de xénero, fainos retroceder máis de dúas décadas na concepción das políticas de igualdade, defendendo así as mesmas teses que os seus socios de extrema dereita”, en referencia aos pactos do Partido Popular con Vox.

Así, solicita á Xunta que “as políticas de igualdade entre mulleres e homes sexan eixo vertebrador e transversal das políticas do Goberno galego”, e, en consecuencia, que cando menos “se lle devolva o rango de Secretaría Xeral” ás políticas de igualdade entre mulleres e homes e contra a violencia de xénero.

Finalmente, no relativo á Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, os socialistas preguntarán ao alcalde da Laracha “se fixo á Deputación da Coruña a solicitude de inclusión no plan de mobilidade do tramo de 4,1 km da antiga vía de ferrocarril Santiago-A Coruña que discorre entre Boedo e Meirama”, e se comezaron os traballos para a redacción do proxecto.

“O goberno municipal do Partido Popular xa tivera amosado interese por esta iniciativa, pero a pesar disto e de ter sido aprobada a moción, aínda non se ten noticia a día de hoxe sobre a tramitación para a súa inclusión no citado proxecto”, lamenta a voceira socialista.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes