O PSdeG defende en Corcubión as pensións públicas e reclama máis servizos e oportunidades para a Costa da Morte
- O Secretario Xeral do PSdeG da Provincia da Coruña, Bernardo Fernández, reivindica a garantía do poder adquisitivo das persoas maiores e Jorge Domínguez sitúa no centro as necesidades da comarca, como unha ambulancia medicalizada e o reforzo dos servizos públicos
O PSdeG celebrou hoxe un encontro coa veciñanza na Capela do Pilar de Corcubión, no que participaron Obdulia Taboadela, cabeza de lista do PSOE ao Congreso pola provincia da Coruña; Bernardo Fernández, alcalde de Pontedeume, e Jorge Domínguez, candidato socialista e coordinador comarcal de Costa Atlántica.
Obdulia Taboadela puxo o foco na importancia das pensións como un dos piares fundamentais do Estado do benestar e destacou as subidas impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez. “Despois de toda unha vida de traballo, as persoas teñen que ter unha pensión digna para poder vivir a última etapa da súa vida, que afortunadamente cada vez é máis longa, en condicións dignas”, sinalou.

A candidata lembrou tamén o compromiso do presidente do Goberno de garantir as pensións por lei e advertiu das consecuencias que, ao seu xuízo, podería ter un cambio de goberno. “O PP e Vox traen a motoserra e as ganas de recortar, ademais da intención de cambiar o sistema público por un privado de pensións”, afirmou. Por iso, apelou á participación nas eleccións do 29 de novembro e pediu ter presente a importancia das pensións á hora de decidir o voto.
Pola súa banda, Bernardo Fernández puxo o foco na importancia de garantir o poder adquisitivo das persoas maiores, lembrando o esforzo realizado por xeracións de homes e mulleres que traballaron e se sacrificaron para construír unha sociedade máis xusta e avanzada. Neste sentido, subliñou que asegurarlles unhas pensións dignas é tamén unha maneira de devolverlles todo ese esforzo e ofrecerlles tranquilidade e benestar nesta etapa da vida.
O alcalde destacou que, durante a actual lexislatura, o Goberno socialista vinculou a actualización das pensións á evolución dos prezos para evitar que as persoas pensionistas perdesen poder adquisitivo. En contraposición, lembrou que, segundo sinalou, durante os gobernos do Partido Popular as pensións aumentaron por debaixo do custo da vida. Fernández tamén advertiu sobre o risco que, ao seu xuízo, suporía abrir a porta á participación de entidades privadas no sistema público de pensións, que reivindicou como un dos piares fundamentais do Estado do benestar.
Pola súa banda, Jorge Domínguez valorou o encontro como unha oportunidade para escoitar a veciñanza e reforzar o compromiso co futuro do territorio. O candidato destacou a necesidade de contar con máis servizos públicos e mellores comunicacións, facendo especial fincapé na demanda dunha ambulancia medicalizada que poida responder ás necesidades da comarca.
Domínguez defendeu que vivir na Costa da Morte debe ser unha opción con oportunidades, na que a cidadanía teña voz nas decisións que afectan ao seu territorio e poida construír o seu futuro sen ter que marchar da súa terra. Unha reivindicación que situou no centro do encontro e que, segundo sinalou, saíu reforzada polo contacto coa veciñanza.

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS