O PSdeG chama en Laracha a votar PSOE para garantir unhas pensións públicas dignas e frear a súa privatización
- Obdulia Taboadela e Sindo Guinarte alertan de que un Goberno de PP e Vox poría en risco o sistema público de pensións e os avances conquistados durante os últimos anos
O PSdeG reivindicou hoxe en Laracha a defensa das pensións públicas como un dos piares fundamentais do Estado do benestar e chamou á cidadanía a apoiar o PSOE nas eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro para garantir a súa continuidade e sustentabilidade. No acto participaron tamén Gumersindo Guinarte, candidato ao Senado; Inés Ramos, voceira do Grupo Municipal Socialista da Laracha; Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia; Aitor Bouza e Silvia Longueira, deputados no Parlamento de Galicia; e Patricia Iglesias, responsable da asesoría xurídica do PSdeG.
A cabeza de lista ao Congreso pola provincia da Coruña, Obdulia Taboadela, lembrou que o Goberno de Pedro Sánchez impulsou importantes subidas das pensións porque os socialistas consideran que, despois de toda unha vida de traballo, as persoas teñen dereito a gozar dunha xubilación digna. “As persoas teñen que ter unha pensión digna para poder afrontar a última etapa da súa vida, que afortunadamente cada vez é máis longa, en condicións dignas”, sinalou.
Taboadela subliñou que o compromiso do PSOE é garantir por lei a actualización das pensións conforme á Constitución e advertiu de que un eventual Goberno de PP e Vox podería supoñer un cambio de modelo, coa intención de recortar prestacións e substituír progresivamente o sistema público por alternativas privadas. “Por iso necesitamos que siga gobernando unha maioría progresista. O PP e Vox traen a motoserra e as ganas de recortar, ademais da intención de cambiar o sistema público por un privado de pensións”, alertou.
Pola súa banda, o candidato ao Senado Sindo Guinarte incidiu na importancia de que a cidadanía teña presente o futuro das pensións á hora de votar e comparou a evolución das prestacións durante os gobernos de Mariano Rajoy e Pedro Sánchez. Segundo explicou, durante a etapa do Goberno do PP as pensións apenas experimentaron unha subida media do 5 %, fronte ao incremento do 45 % rexistrado durante os gobernos socialistas.
Guinarte lembrou tamén as actualizacións mínimas que se aplicaban durante a etapa de Rajoy, cando os pensionistas recibían cartas nas que se lles comunicaba unha subida de apenas un euro, e contrapuxo esa política ao compromiso do PSOE coa protección do poder adquisitivo das persoas xubiladas.
O candidato socialista advertiu, ademais, do risco que suporía avanzar cara á privatización das pensións e converter un dereito garantido polo sistema público nun negocio para bancos e compañías aseguradoras. “Non é o mesmo votar o Partido Socialista, que garante unhas pensións públicas, que votar o Partido Popular, que quere que pasen a ser un negocio das aseguradoras e dos bancos”, afirmou.
Os socialistas insistiron así en que as eleccións do 29 de novembro son decisivas para o futuro das persoas pensionistas de hoxe e das xeracións que se xubilarán mañá. Por iso, chamaron á mobilización e pediron concentrar o voto no PSOE para defender unhas pensións públicas dignas, sostibles e garantidas.


Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS