2000 O PSdeG reivindica en Carballo o emprego, os servizos públicos e a protección dos dereitos sociais como prioridades para o futuro da comarca - Agrupación Provincial da Coruña PSOE
Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG reivindica en Carballo o emprego, os servizos públicos e a protección dos dereitos sociais como prioridades para o futuro da comarca

  • A candidata Inés Ramos e a deputada Patricia Iglesias participaron hoxe nun encontro con candidatos e representantes socialistas de Bergantiños, Costa da Morte e Soneira, no que destacaron a importancia das políticas de emprego, das pensións públicas e da igualdade de oportunidades

O PSdeG-PSOE celebrou este sábado un encontro con candidatos e cargos públicos e orgánicos das comarcas de Bergantiños, Costa da Morte e Soneira no parque do Anllóns, en Carballo, no marco da campaña das eleccións xerais do próximo 29 de novembro. 

No acto participaron Patricia Iglesias, deputada autonómica; Jorge Domínguez, Inés Ramos e José Manuel Pérez Abelenda, candidatos da comarca, ademais de voceiros, concelleiros e outros representantes socialistas do territorio. 

Durante o encontro, a candidata socialista Inés Ramos reivindicou o esforzo diario da veciñanza de Bergantiños e destacou a necesidade de impulsar políticas que xeren oportunidades laborais, garantan uns servizos públicos de calidade e favorezan o desenvolvemento económico e social da comarca. 

“O motor de Bergantiños é a xente que madruga todos os días, aquí en Carballo, na Laracha e en todos os concellos da comarca. O noso compromiso é claro: traer oportunidades reais, coidar os nosos servizos públicos e construír futuro desde aquí, desde a comarca de Bergantiños”, afirmou. 

Ramos destacou tamén a importancia do traballo diario e do compromiso coa veciñanza como elementos fundamentais da acción política nos municipios. 

“O noso motor, a nosa forza, é a nosa xente, os nosos veciños e veciñas e o traballo real de cada día”, subliñou. 

Pola súa banda, a deputada autonómica Patricia Iglesias destacou a transcendencia das eleccións do próximo 29 de novembro e contrapuxo as políticas sociais impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez ás propostas do PP e Vox, advertindo do risco de retrocesos en materia de dereitos e protección social. 

“Temos dous modelos claros: por unha banda, o retroceso, a privatización das pensións e a ausencia de xustiza social; pola outra, o progreso, a xustiza social e as políticas que miran pola vida da xente e da clase traballadora”, sinalou. 

Iglesias puxo en valor a revalorización das pensións garantida por lei, o incremento do salario mínimo interprofesional e o reforzo das bolsas de estudo para a mocidade durante os últimos anos. 

A parlamentaria socialista resumiu as diferenzas entre os modelos políticos que, ao seu xuízo, se confrontan nestas eleccións coa expresión “fronte a dereitas, dereitos”. 

O encontro no parque do Anllóns forma parte das actividades que o PSdeG está a desenvolver nos distintos municipios da provincia da Coruña durante esta primeira fin de semana de campaña electoral, nas que a formación sitúa o emprego, os servizos públicos e a protección dos dereitos sociais entre os principais asuntos do debate electoral.


Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes

< 7 /html> 0