O PSdeG levará ao Parlamento a ampliación do comedor do CEIP Maciñeira de Neda
Os socialistas recollen a reivindicación da ANPA do centro e esixen á Xunta o informe técnico e unha partida específica para adaptar a antiga casa do conserxe e o almacén anexo como novo comedor escolar
O PSdeG-PSOE levará ao Parlamento de Galicia a ampliación do comedor escolar do CEIP Maciñeira de Neda, unha das reivindicacións da ANPA do centro, e presentará ademais unha emenda específica aos orzamentos da Xunta de Galicia para que se consigne unha partida concreta que permita acometer esta obra canto antes.
A iniciativa insta á Xunta a realizar os estudos técnicos e proxectos necesarios para adaptar a antiga casa do conserxe e o almacén anexo, dous espazos situados dentro do propio recinto escolar, e a executar as obras para habilitalos como novo comedor.
Os socialistas lembran que a demanda deste servizo medrou nos últimos anos e que o espazo actual xa non dá resposta ás necesidades do alumnado e das familias. O comedor escolar, sinalan, é un recurso fundamental para a conciliación, a igualdade de oportunidades e o benestar do alumnado.
“Hai instalacións no centro que poden ser adecuadas e, polo tanto, queremos que se faga ese informe técnico e que se consignen as partidas orzamentarias necesarias para que ese comedor sexa unha realidade canto antes. É unha necesidade imperiosa”, afirmou o deputado socialista Aitor Bouza.
Neste sentido, o deputado socialista criticou que o Partido Popular continúe rexeitando as iniciativas presentadas polo PSdeG e que non incorporase aos orzamentos da Xunta unha partida para acometer as obras de rehabilitación do centro e, en concreto, do comedor.
“Xa vimos que o Partido Popular segue opoñéndose de maneira frontal, votando en contra e rexeitando as iniciativas que levamos ao Parlamento”, lamentou.
Bouza trasladou tamén a preocupación das nais e dos pais do alumnado ante a situación na que se atopa o centro. “As ANPAs están moi preocupadas, porque este desleixo absoluto da Xunta de Galicia o único que fai é mermar a calidade educativa e os dereitos dos seus nenos e das súas nenas”, denunciou.
Por iso, os socialistas insisten en que existen alternativas viables dentro do propio centro e reclaman ao Goberno galego que actúe sen máis demora. “É urxente facelo, hai formas e posibilidades xa para facelo, e iso lle esiximos ao señor Rueda: que o faga”, concluíu o deputado socialista.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS