O PSdeG reclama á Xunta un paso cuberto no CPI Cernadas de Castro de Lousame e o alumnado deixe de mollarse
Os socialistas denuncian que Lousame non recibe ningún investimento nos orzamentos autonómicos para 2027 e lembran que a súa moción leva desde xaneiro sen debaterse no pleno
O PSdeG-PSOE presentará unha emenda aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2027 para que se inclúa, como investimento prioritario, a construción dun paso cuberto no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro de Lousame, desde a zona de parada dos autobuses, no patio superior, ata a porta de acceso ao centro.
Os socialistas denuncian que Lousame é un concello esquecido polo Goberno galego do Partido Popular, xa que no proxecto de orzamentos autonómicos para 2027 presentado no Parlamento non figura ningún investimento para o municipio.
O Grupo Municipal Socialista de Lousame xa presentou en xaneiro de 2026 unha moción para instar á Xunta e á Consellería de Educación a cubrir o patio superior do centro, onde paran os autobuses, e a construír un paso cuberto ata a entrada. Con todo, a iniciativa non chegou a incluírse na orde do día de ningún pleno, porque o alcalde alegou que ía reunirse co conselleiro de Educación para tratar o proxecto.
“A día de hoxe non temos ningún tipo de resposta nin por parte duns nin por parte doutros. Parece ser que se segue estudando ese proxecto, pero resulta que nos orzamentos deste ano non aparece dito investimento en Lousame. Mellor dito, en Lousame non hai ningún tipo de investimento neses orzamentos”, sinalou o voceiro socialista en Lousame, Juan José Prego.
Na moción, os socialistas lembraban que Lousame é un dos concellos onde máis chove de Galicia e do Estado, con 2.928 litros por metro cadrado en 2022. O alumnado ten que percorrer a pé o traxecto descuberto entre a parada do autobús e a entrada do colexio, o que provoca molladuras frecuentes que obrigan en moitas ocasións a nais e pais a desprazarse ao centro para levar roupa seca ou a pedir permiso no traballo, cun problema engadido de conciliación.
A moción pide tamén pavimentar o recinto escolar para evitar a formación de pozas, unha acción conxunta de todos os grupos municipais para sacar adiante o proxecto e que o Concello poida controlar a calidade da obra. Ademais, a cuberta crearía un patio protexido de máis de mil metros cadrados para que o alumnado poida saír ao recreo nos días de choiva.
“O que queremos é que os nosos rapaces e rapazas non se mollen tódolos invernos no traxecto da parada do autobús ata o centro”, engadiu Prego.
Pola súa banda, a deputada autonómica Patricia Iglesias criticou que Lousame sexa “un concello esquecido polo goberno galego do Partido Popular nos vindeiros orzamentos que se presentaron no Parlamento pola Xunta de Galicia”. Iglesias lamentou ademais que o Concello nin sequera permitise debater a moción presentada polo Grupo Municipal Socialista.
“Nós emendaremos os orzamentos para o 2027 e pediremos como prioritario este investimento dunha cuberta dende a parada do bus ata a entrada do colexio, para que os nenos e nenas de Lousame do CPI Cernadas de Castro non se mollen. Insistiremos e emendaremos os orzamentos para o 2027 para o concello de Lousame”, concluíu Iglesias.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS