Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Cambre responsabiliza a Diana Piñeiro do colapso da Policía Local pola súa falta de xestión e planificación

  • Os socialistas denuncian que só hai catro axentes dispoñibles dos 25 previstos no cadro de persoal e reclaman á alcaldesa un plan urxente para reforzar a Policía Local e o Servizo Municipal de Emerxencias

O Grupo Municipal Socialista de Cambre denuncia a grave situación que atravesa a Policía Local e sinala directamente á alcaldesa, Diana Piñeiro, como máxima responsable da área de Seguridade Cidadá e da xestión dun servizo esencial para os veciños e veciñas do municipio. 

Segundo os socialistas, a situación é preocupante: dos 25 axentes previstos no cadro de persoal da Policía Local, actualmente só hai catro dispoñibles. Esta realidade limita considerablemente a capacidade do servizo para atender as necesidades do municipio, especialmente durante determinadas tardes, as noites e as fins de semana. Nesas franxas horarias, os veciños e veciñas que intentan contactar directamente coa Policía Local poden atoparse cun contestador automático ou cunha liña que non permite establecer comunicación. 

A esta situación súmase a do Servizo Municipal de Emerxencias, que conta actualmente con dous efectivos e un coordinador. “Estamos a falar de dous servizos esenciais para un municipio de preto de 25.000 habitantes que precisan dunha atención prioritaria por parte do goberno municipal”, aseguran dende o partido socialista. 

Desde o PSOE consideran que non abonda con trasladar á veciñanza que, ante determinadas urxencias, debe recorrer ao 112 ou á Garda Civil. Estes servizos desempeñan unha función fundamental e garanten a atención das emerxencias, pero a súa dispoñibilidade non pode substituír a necesidade de contar cuns servizos municipais adecuadamente dimensionados e organizados. 

O convenio de colaboración con Culleredo é unha medida que pode contribuír a paliar algunhas necesidades, pero presenta limitacións evidentes: a incorporación de axentes depende da súa dispoñibilidade voluntaria e non garante unha cobertura permanente. Polo tanto, non pode considerarse unha solución definitiva ao problema de falta de efectivos que arrastra a Policía Local de Cambre. 

Para os socialistas, Diana Piñeiro, que asumiu directamente a responsabilidade de Seguridade Cidadá, debe explicar que medidas pensa adoptar para reverter esta situación. “A perda de efectivos vén de anos atrás, pero iso non exime ó actual goberno de actuar. Gobernar non consiste unicamente en explicar por que existen os problemas, senón tamén en poñer os medios necesarios para solucionalos”, declaran. 

O PSOE leva reclamando reiteradamente nos plenos municipais a posta en marcha dunha Oferta Pública de Emprego (OPE) que permita reforzar o cadro de persoal e recuperar progresivamente a capacidade operativa da Policía Local. Os socialistas aseguran que formularon unha medida concreta para afrontar esta situación, pero seguen sen coñecer unha planificación con compromisos e prazos que permita avanzar nesa dirección. 

“A alcaldesa tampouco pode utilizar permanentemente a herdanza recibida como xustificación. É certo que o Concello arrastra problemas importantes de etapas anteriores, entre eles o procedemento do Tribunal de Contas relativo aos pagamentos de horas extraordinarias á Policía Local durante os exercicios 2020-2023. Neste procedemento cuantificouse provisionalmente un posible prexuízo económico de 591.665,13 euros, máis os xuros correspondentes. Trátase dunha cuestión cuxa resolución e responsabilidades deberán determinarse polas vías correspondentes”, aseguran dende o partido socialista. 

Pero os problemas herdados non eximen das responsabilidades actuais. Diana Piñeiro e o seu equipo decidiron asumir o goberno municipal coñecendo a situación do Concello, as súas dificultades e a falta dunha maioría suficiente. Ninguén os obrigou a dar ese paso. Sabían onde se metían e que responsabilidades asumían. Polo tanto, non poden converter agora as dificultades que xa coñecían nunha xustificación permanente para non avanzar nas solucións que Cambre necesita. 

Un Goberno de catro concelleiros precisa dialogar, negociar e buscar acordos co resto da Corporación. A falta de maioría pode dificultar a xestión, pero non pode converterse nunha razón para deixar de impulsar iniciativas e buscar alternativas que permitan mellorar os servizos públicos. 

Por todo isto, o Grupo Municipal Socialista esixe á alcaldesa un plan de actuación con medidas concretas e prazos definidos que permita mellorar a capacidade operativa da Policía Local e do Servizo Municipal de Emerxencias. É imprescindible avanzar na OPE que os socialistas veñen reclamando, reforzar os efectivos e establecer unha organización que permita ofrecer unha cobertura adecuada á poboación. 

O PSOE non considera aceptable que esta situación se prolongue sen unha resposta clara do goberno municipal. Os veciños e veciñas de Cambre teñen dereito a dispoñer duns servizos públicos dimensionados conforme ás necesidades do municipio e a coñecer que medidas se están adoptando para garantir o seu funcionamento. 

“Diana Piñeiro ten que dar explicacións e presentar solucións. Cambre necesita unha Policía Local con efectivos suficientes e uns servizos de emerxencias preparados para atender a cidadanía. A responsabilidade de gobernar asumiuna voluntariamente e debe responder polas decisións e pola xestión do seu goberno”, conclúen os socialistas.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes