Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG reclama á Xunta unha residencia universitaria pública no Sánchez Aguilera de Ferrol e financiamento nos orzamentos de 2027

  • O candidato á Alcaldía de Ferrol, Ángel Mato, defende esta infraestrutura como clave para consolidar o Campus Industrial como un referente de excelencia, á vez que o deputado socialista Aitor Bouza reclama a Rueda que se comprometa coa súa construción e garanta aloxamento accesible para o alumnado

O PSdeG-PSOE reclamará á Xunta de Galicia que impulse a creación dunha residencia universitaria pública nos terreos do antigo cuartel Sánchez Aguilera de Ferrol, e presentará unha emenda aos Orzamentos autonómicos de 2027 para garantir o financiamento necesario para desenvolver o proxecto. Os socialistas tamén levarán esta reivindicación ao Parlamento galego a través dunha iniciativa impulsada polo deputado Aitor Bouza.

O candidato á Alcaldía de Ferrol, Ángel Mato, subliña que a universidade constitúe un elemento fundamental para o desenvolvemento económico, social e educativo de Ferrol e lembra que a creación dunha residencia pública para estudantes é unha reivindicación na que se leva traballando desde hai anos.

“A universidade é un piar básico para o desenvolvemento da cidade de Ferrol. Levamos moito tempo traballando dende o PSOE a prol da construción dunha residencia pública de estudantes que dea servizo aos mozos e mozas que desexen vir estudar ao campus da Universidade da Coruña en Ferrol”, sinala Mato.

A iniciativa parlamentaria responde á escaseza de aloxamento universitario público na Universidade da Coruña (UDC), que, segundo os datos trasladados polo seu reitor, Ricardo Cao, conta con apenas sete prazas de residencia por cada mil estudantes, unha das taxas máis baixas de España. No caso de Ferrol, a oferta pública limítase actualmente a 19 prazas, situadas na residencia da rúa Sánchez Barcaiztegui.

Os socialistas consideran que esta insuficiencia dificulta o acceso á educación superior do alumnado que debe desprazarse desde outros municipios e pode condicionar a elección dos estudos en función dos recursos económicos das familias.

Neste contexto, a recuperación dos terreos do antigo cuartel Sánchez Aguilera representa unha oportunidade para ampliar a oferta de aloxamento universitario público. O proxecto de reurbanización deste ámbito, aprobado definitivamente polo Concello de Ferrol, contempla a reserva de tres pavillóns para a súa posible transformación nunha residencia de estudantes.

“Agora temos ese chan dispoñible no Sánchez Aguilera. Polo tanto, reclamaremos desde o PSdeG que se incorpore unha partida suficiente nos próximos orzamentos da comunidade autónoma para poder desenvolver alí esta residencia de estudantes”, explica Ángel Mato.

Pola súa banda, o deputado Aitor Bouza esixe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que aclare se está disposto a atender a solicitude da Universidade da Coruña e impulsar esta infraestrutura, que os socialistas consideran fundamental para garantir a igualdade de oportunidades no acceso á educación superior.

“É o momento de posicionarse. Esixímoslle ao señor Rueda que diga claramente se vai atender a solicitude da Universidade da Coruña e impulsar esta residencia universitaria pública no Sánchez Aguilera ou se, pola contra, vai seguir abandonando Ferrol e os estudantes que precisan dunha residencia pública que é urxente”, afirma Bouza.

O parlamentario socialista lembra que o acceso á vivenda é unha das principais preocupacións da cidadanía e considera que a ampliación da oferta de residencias universitarias públicas debe formar parte das políticas autonómicas para facilitar o acceso aos estudos superiores.

“A vivenda é unha das cuestións prioritarias para Galicia e as residencias públicas, como xa levamos reclamando durante moito tempo dende o partido socialista, son unha necesidade que levamos moito tempo reclamando. Neste caso, ademais, xa contamos con tres pavillóns previstos para esta finalidade no proxecto de reurbanización do Sánchez Aguilera”, destaca.

A través da iniciativa parlamentaria, o PSdeG reclamará que a Xunta, en coordinación coa Universidade da Coruña e o Concello de Ferrol, inicie de maneira inmediata as actuacións necesarias para definir o proxecto, determinar a súa capacidade de aloxamento e establecer un modelo de xestión pública.

Así mesmo, os socialistas esixirán que os Orzamentos autonómicos de 2027 incorporen unha partida específica e suficiente para impulsar a residencia, acompañada dun calendario concreto de actuacións que permita avanzar na súa execución.

“Imos levalo ao Parlamento e esixirlle ao señor Rueda que atenda esta solicitude da propia Universidade e do Grupo Municipal Socialista. A Xunta ten que comprometerse a facelo, iniciar as actuacións necesarias e consignar nos orzamentos de 2027 os fondos para que o proxecto poida desenvolverse canto antes”, subliña Bouza.

Outra das prioridades da proposta socialista é garantir que a futura residencia universitaria conte cun sistema de acceso baseado en criterios públicos e transparentes, prezos accesibles e mecanismos que prioricen as necesidades socioeconómicas do alumnado.

Bouza insiste en que o carácter público da residencia resulta fundamental para evitar que a situación económica das familias condicione as oportunidades educativas dos estudantes.

“Queremos que se garanta esta futura residencia cun sistema de acceso público e transparente, con prezos accesibles e mecanismos que prioricen as necesidades socioeconómicas do alumnado, favorecendo a igualdade de oportunidades e a equidade”, explica o deputado.

Os socialistas lembran que a propia Universidade da Coruña manifestou o seu interese nesta infraestrutura, pero que non dispón dos recursos económicos necesarios para acometela en solitario, polo que consideran imprescindible o compromiso financeiro da Xunta.

Finalmente, Bouza reclama ao Goberno autonómico que traduza o seu compromiso coa vivenda e coa educación universitaria en investimentos concretos.

“O señor Rueda ten agora a oportunidade de demostrar que quere apostar pola vivenda en Ferrol e apoiar o estudantado universitario galego. Para iso, precisa comprometer fondos suficientes e facer realidade esta residencia pública”, conclúe.

Pola súa banda, Ángel Mato insiste en que esta actuación permitiría atraer estudantes, facilitar a súa permanencia na cidade e reforzar o papel do Campus Industrial como motor de desenvolvemento económico, social e educativo de Ferrol.


Ángel Mato – Residencia Universitaria – nov26
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes