O PSdeG-PSOE de Cariño denuncia que a reforma da iluminación do campo de fútbol continúa bloqueada máis dun ano despois
- Os socialistas critican que o goberno municipal siga sen modificar o proxecto requirido pola Deputación da Coruña, o que impide avanzar na tramitación dunha subvención de 111.699,94 euros
O PSOE de Cariño denuncia que o goberno municipal continúa sen resolver a modificación do proxecto de reforma da iluminación do campo de fútbol, máis dun ano despois de que a Deputación da Coruña solicitase a corrección da documentación para poder tramitar unha subvención de 111.699,94 euros, destinada a financiar o 100 % da actuación.
Os socialistas lembran que o Pleno municipal aprobara a solicitude da axuda o 8 de setembro de 2025 e que, o 20 de outubro dese mesmo ano, a Deputación requiriu unha serie de modificacións no proxecto. Porén, segundo denuncian, a día de hoxe o goberno local aínda non presentou a documentación necesaria para desbloquear o expediente.
O PSOE considera especialmente preocupante esta demora coa chegada do inverno e a redución das horas de luz natural, cando unha iluminación adecuada resulta imprescindible para garantir o normal desenvolvemento dos adestramentos e das actividades deportivas.

Ademais, os socialistas sinalan que levaron esta cuestión a varios plenos municipais, celebrados o 6 de marzo, o 28 de maio, o 6 de agosto e o 1 de outubro, sen obter respostas concretas sobre os prazos previstos para solucionar o problema.
“Non podemos permitir que unha subvención de máis de 111.000 euros continúe bloqueada por non realizar as modificacións necesarias nun proxecto. Por iso, resulta lexítimo esixir responsabilidades na xestión dos recursos públicos e reclamar que os traballos contratados se desenvolvan coa dilixencia necesaria para cumprir a súa finalidade”, declaran os socialistas.
A formación socialista lembra que a redacción do proxecto supón un custo para as arcas municipais, polo que considera necesario garantir unha xestión dilixente dos recursos públicos. Neste sentido, sinala que chegou a propoñer que se valorase o cambio da empresa redactora no caso de que esta non fose capaz de introducir as correccións requiridas.
Por todo isto, o PSOE de Cariño esixe ao goberno municipal que estableza un calendario concreto, resolva canto antes as modificacións pendentes e desbloquee a tramitación da subvención provincial, co obxectivo de executar a reforma da iluminación do campo de fútbol sen máis demoras. “Estamos a falar dunha mellora necesaria para unha instalación deportiva utilizada pola veciñanza”, conclúen os socialistas
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS