O PSOE denuncia o descontrol dos plenos municipais e a permisividade da alcaldesa cos insultos do seu goberno
- Os socialistas critican que o PP apenas presente iniciativas propias, atrase os debates da oposición e permita comentarios gordófobos e descualificacións mentres aplica o regulamento exclusivamente contra a oposición
O PSdeG-PSOE de Ribeira denuncia o descontrol no que o Partido Popular está a converter os plenos municipais. Na sesión celebrada este luns, o goberno só presentou un asunto novo, impulsado pola Asociación Española Contra o Cancro e a Deputación da Coruña, presidida polo PSdeG, mentres o resto dos puntos procedían da sesión anterior. Unha falta de iniciativa que contrasta coa acumulación de propostas socialistas que a alcaldesa non permite chegar a debater.
Os socialistas denuncian que o próximo mes, con sorte, poderá tratarse a proposta para que os concelleiros informen sobre o cumprimento dos acordos plenarios, unha cuestión sobre a que o goberno leva dous meses evitando dar explicacións. Tamén quedou sen debater a iniciativa socialista para estudar a declaración de Ribeira como zona de mercado residencial tensionado, tras unha sucesión de intervencións prolongadas, sobreactuacións e descansos innecesarios que, segundo o PSOE, buscaron deliberadamente atrasar o debate ata despois das eleccións nacionais. “Non lles importa a vivenda nin os problemas dos veciños de Ribeira, impórtalles o calendario electoral nacional”.
Pero o máis preocupante foi a actitude da alcaldesa, que anteriormente esixira unha aplicación estrita do regulamento para impedir o debate sobre a residencia de maiores e agora permite interrupcións, insultos e descualificacións de todo tipo. Durante o debate sobre o ciberacoso, a concelleira de Educación, Juana María Brión, realizou comentarios que os socialistas cualifican de gordófobos, aos que tamén se sumou Vicente Mariño, mentres a señora Barreiro profería outras descualificacións ás que, por desgraza, os socialistas xa se están acostumando. “É lamentable que quen debería dar exemplo aos menores sobre o respecto e a convivencia reproduza precisamente as actitudes que dicimos querer combater”.
Vicente Mariño tamén interrompeu reiteradamente ao portavoz socialista durante a defensa dunha proposta para publicar na web municipal un calendario das actuacións de limpeza previstas. Unha iniciativa coa que o PSOE pretendía responder á preocupación veciñal polo estado de sucidade de Ribeira, permitindo coñecer cando e onde ten previsto actuar o Concello. Mariño chegou a actuar con máis empeño na defensa do PP que os propios populares, impedindo ao portavoz desenvolver os seus argumentos con normalidade ante a pasividade da alcaldesa.
O máis sorprendente, para os socialistas, é que a alcaldesa, responsable de garantir a orde e o cumprimento do regulamento, unicamente chama a atención á oposición, sen realizar unha soa chamada á orde aos membros do seu goberno. “Parece que os membros do Partido Popular poden interromper, insultar e facer o que queiran, mentres o regulamento só existe para limitar as intervencións dos socialistas”.
O PSOE lamenta que os plenos municipais se estean convertendo nun espectáculo no que o goberno evita render contas, atrasa propostas e tolera os insultos dos seus propios representantes. “Os veciños de Ribeira merecen respecto, transparencia e un goberno preocupado polos seus problemas, non un goberno que utiliza as institucións para protexer os seus intereses políticos”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS