O PSOE de Ribeira denuncia que o PP segue sen explicar o abandono de As Saíñas
- Os socialistas lamentan as constantes interrupcións da alcaldesa durante o Pleno e advirten do custo económico e dos anos de atraso que pode provocar empezar de novo a residencia
O PSOE de Ribeira lamenta que a alcaldesa non permitise á oposición utilizar libremente a súa quenda de palabra durante o Pleno extraordinario sobre a residencia pública de maiores, interrompendo de maneira constante e reiterada as intervencións. Os socialistas consideran especialmente grave esta actitude nunha sesión solicitada precisamente para poder analizar a documentación existente e pedir explicacións sobre unha decisión que condicionará durante anos un dos equipamentos sociais máis importantes para o municipio.
O grupo socialista lembrou tamén que o Pleno se celebrou porque a oposición presentou correctamente a solicitude o pasado 3 de setembro e a alcaldesa deixou transcorrer o prazo sen convocalo. Finalmente activouse o mecanismo legal de convocatoria automática e foi o secretario municipal quen realizou a notificación da sesión. Para o PSOE, este feito evidencia que “non se pode pretender responsabilizar á oposición dun pleno que se celebra precisamente porque a alcaldesa non cumpriu coa súa obriga de convocalo”.
Durante o debate, os socialistas centraron boa parte da súa intervención no propio camiño administrativo percorrido en As Saíñas. A documentación acredita que a situación de inundabilidade era coñecida desde moito antes da DANA e que Augas de Galicia xa advertira expresamente en 2022 da afección existente na parcela. A pesar diso, a Xunta continuou co proxecto: realizou a demolición, contratou e adxudicou a redacción da residencia, solicitou a licenza de construción, pagou o ICIO e foi atendendo os sucesivos requirimentos municipais.
O portavoz socialista, Fran Suárez-Puerta, sinalou que “o máis grave é que se escuden nunha traxedía como a DANA que se produce en outubro de 2024 cando a Xunta xa sabía que esa zona era inundable dende antes de comezar o proxecto e a propia Xunta ademáis continuou durante 2025 achegando documentación para completar a licenza. Polo tanto, non poden presentar como un problema novo algo que coñecían desde o minuto 0 e que non lles impediu seguir adiante”.
O PSOE tamén puxo o foco no custo económico do abandono. As contías públicas identificadas arredor do proxecto achéganse xa ao millón de euros entre a adquisición da parcela, a demolición, a redacción do proxecto, a dirección de obra prevista, taxas e impostos. Ademais, máis de 200.000 euros correspondentes ao ICIO da construción poderían ter que ser devoltos á Xunta se o abandono de As Saíñas se formaliza definitivamente.
A esta situación engádese o atraso que supón comezar de novo. As Saíñas tiña xa terreo cedido, demolición realizada, proxecto redactado, licenza en tramitación e numerosos requirimentos e emendas superados. Pola contra, máis dun ano despois de que comezara a andar o executivo de Sampedro, a nova residencia segue tendo que percorrer boa parte dese camiño.
Suárez-Puerta advertiu finalmente de que “non estamos falando de meses, senón potencialmente de anos de atraso”, e reclamou ao PP total transparencia sobre a elección deste punto no monte, especialmente despois de recoñecer a súa vontade de desenvolver urbanisticamente esa zona. “Se esta decisión responde unicamente a criterios técnicos, deben explicalo e acreditalo, pero despois do de hoxe demostrase que non poden”.
O PSOE de Ribeira considera que a veciñanza merece coñecer por que se abandonou un proxecto tan avanzado, canto vai custar realmente esa decisión e canto tempo máis terá que esperar Ribeira para contar coa residencia pública prometida. “Nos calculamos que entorno a 2029 comezarán as obras” Concluíu o portavoz socialista.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS