O PSdeG de Zas celebra a inclusión das súas demandas no novo POS+ Adicional da Deputación da Coruña
- Sheila Rial destaca que os fondos da institución provincial financiarán ensanches e arranxos de estradas, regos asfálticos ou a rehabilitación do aglomerado de diferentes estradas e accesos
A portavoz do PSdeG de Zas, Sheila Rial, expresa a súa satisfacción co POS+ Adicional 2/2026 da Deputación da Coruña, aprobado no último pleno municipal co voto afirmativo, entre outros, da súa formación.
O POS+ Adicional permitirá mobilizar 827.789,74 euros en actuacións no municipio, dos cales 701.152,78 euros son achegados pola Deputación da Coruña e 126.636,96 euros polo Concello, sendo destinados estes últimos á creación dunha senda peonil entre Ventoselo e Gontalde.
Sheila Rial valorou positivamente a achega da Deputación provincial e o seu compromiso cos concellos, en particular porque varias das actuacións incluídas responden a demandas que ela mesma formulou en anteriores sesións plenarias.
Entre elas están o ensanche da estrada desde Lamas ata Vilachán, o ensanche da estrada desde Romelle ás Edreiras e o arranxo do firme en Lamas. “Son peticións que levamos tempo trasladando ao Pleno e que agora poden avanzar cara á súa execución, todas elas grazas aos fondos da Deputación”, sinala Rial.
“É importante que as demandas da veciñanza non queden en promesas pendentes, senón que se convertan en obras concretas, como ocorre con este novo POS+ Adicional”, engade a concelleira socialista.
O investimento inclúe tamén actuacións de rehabilitación de aglomerado en diferentes estradas e accesos, regos asfálticos en Mira, Muiño, Lamas e Baio, instalación de reductores de velocidade e a creación da citada senda entre Ventoselo e Gontalde.
A socialista afirma que “aínda que algunhas destas actuacións non se materialicen ata o vindeiro ano é positivo que a Deputación da Coruña continúe apostando polos concellos e achegando recursos para atender necesidades que levan tempo sendo reclamadas”.
De cara ao POS+ de 2027, Rial agarda que se poidan priorizar investimentos destinados á ampliación da rede municipal de abastecemento de auga: “Como concelleira, seguirei reclamando que o abastecemento chegue aos núcleos que aínda non dispoñen deste servizo en condicións adecuadas, especialmente a lugares como Pudenza e A Lagoa, onde esta necesidade é urxente”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS