O PSOE de Lousame propón actuacións prioritarias para financiar co POS+ Adicional da Deputación da Coruña
- Os socialistas rexistran unha proposta de melloras no saneamento, na rede viaria e nos equipamentos públicos e piden ao goberno municipal que teña en conta as demandas da veciñanza
O PSdeG-PSOE de Lousame vén de rexistrar no Concello unha proposta de actuacións prioritarias para financiar a través do próximo POS+ Adicional da Deputación da Coruña. Os socialistas reclaman ao goberno municipal que aproveite estes fondos provinciais para atender as necesidades máis urxentes das distintas parroquias e mellorar os servizos públicos.
A proposta céntrase en tres ámbitos fundamentais: a mellora do saneamento, a pavimentación da rede viaria municipal e a conservación dos equipamentos comunitarios. O PSdeG-PSOE considera que estas actuacións son necesarias para mellorar a calidade de vida da veciñanza e garantir unha distribución equilibrada dos investimentos entre os distintos núcleos de poboación.
En materia de saneamento, os socialistas propoñen executar as redes da Silva, Arribas, Cabalariza, Sabugueiro, Comparade, Maxide e Outeiro, así como completar as obras pendentes na Filgueira.
No ámbito viario, solicitan rematar a pavimentación de Berrimes, actuar nas estradas de Lesende a Vilacoba, de Vilacoba a Mirón, de Arxellas a Guiende e da Igrexa de Tállara a Guiende, ademais de acometer melloras nos núcleos de Servia, Quintáns de Béxeres e Mirón.
Entre as actuacións propostas para os equipamentos públicos destacan a construción dunha cuberta no patio do Punto de Atención á Infancia (PAI) e a reparación do ascensor do club de xubilados, dúas intervencións que os socialistas consideran importantes para mellorar as condicións de uso destas instalacións.
Desde o PSOE de Lousame subliñan que o POS+ Adicional representa unha oportunidade para dar resposta a necesidades que levan tempo sendo demandadas pola veciñanza e insisten na importancia de priorizar os investimentos en servizos básicos e infraestruturas municipais.
Por todo isto, os socialistas solicitan formalmente ao goberno local que incorpore estas propostas á planificación das actuacións que se financiarán con cargo ao POS+ Adicional da Deputación da Coruña, garantindo que os fondos provinciais se destinen a melloras necesarias para o conxunto do municipio.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS