Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Coristanco denuncia que o Concello “continúa sen actuar ante as reiteradas inundacións nunha vivenda por fallos na rede de pluviais”

  • José Manuel Pérez Abelenda lamenta que a situación se leve prolongando meses sen unha resposta do goberno local, a pesar das reiteradas peticións da familia afectada

O Grupo Municipal Socialista de Coristanco denuncia que o Concello “continúa sen actuar ante as reiteradas inundacións nunha vivenda por fallos na rede de pluviais”.

“O PSOE de Coristanco volve amosar a súa preocupación pola falta de resposta do Goberno municipal ante un problema que se leva repetindo durante meses”, sinala o portavoz socialista local José Manuel Pérez Abelenda.

“A situación, que xa provocou danos materiais e riscos sanitarios, foi comunicada en varias ocasións ao Concello, sen que ata o momento se realizase ningunha actuación para resolver a avaría”, explica o voceiro.

O PSOE coristanqués presentou unha iniciativa formal solicitando que o Goberno municipal proceda de maneira inmediata ao desatasco e revisión da rede no tramo afectado, coa fin de evitar novos episodios que poidan comprometer a seguridade e a habitabilidade da vivenda.

“A veciñanza non pode seguir soportando unha situación que é perfectamente evitable se o Concello cumpre coas súas obrigas básicas de mantemento das infraestruturas públicas”, afirma Pérez Abelenda. Engade que a falta de intervención “non só agrava os danos, senón que transmite unha sensación de abandono que non é admisible”.

“Non é de recibo que unha familia estea sufrindo as consecuencias das inundacións na súa propia vivenda e que, sendo tanto o alcalde como o concelleiro de Obras coñecedores desta situación dende hai meses, sigan sen actuar”, subliña Pérez Abelenda.

A iniciativa presentada polo grupo socialista insta ao Goberno municipal a actuar con urxencia, realizar unha inspección técnica completa e executar as reparacións necesarias para garantir o correcto funcionamento da rede de saneamento. Tamén se solicita que se informe á persoa afectada dos pasos dados e do calendario previsto para a solución definitiva do problema.

O portavoz socialista recalca que “a protección da saúde pública e a seguridade das vivendas debe ser unha prioridade absoluta”, e reclama ao Concello que “deixe de atrasar unha intervención que é imprescindible e que xa foi demandada reiteradamente pola familia afectada”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes