O PSdeG reclama unha actuación urxente na Pontedona, no Refuxio de Verdes e no río Anllóns e a súa contorna
- A deputada autonómica Patricia Iglesias e o voceiro socialista coristanqués José Manuel Pérez Abelenda participaron nunha andaina reivindicativa pola zona
O PSdeG realizou unha andaina reivindicativa dende A Pontedona ata o Refuxio de Verdes, en Coristanco, para reclamar unha actuación inmediata no río Anllóns e a súa contorna, denunciando que esta se atopa nun “total estado de abandono”.
A andaina contou coa participación, entre outras persoas, da deputada autonómica Patricia Iglesias, o voceiro socialista coristanqués José Manuel Pérez Abelenda e o seu homólogo pontecesán Lois García Carballido.
“Non podemos permitir que un dos maiores tesouros naturais e turísticos que ten Coristanco, e tamén a comarca de Bergantiños, se vaia deteriorando pola falta de mantemento e de coordinación entre as distintas administracións”, destaca Pérez Abelenda.
O socialista pide “atención permanente, non actuacións puntuais”. “Por iso o Partido Socialista está reivindicando que haxa unha coordinación entre os distintos concellos da zona e a Xunta de Galicia”, engade.
“O río Anllóns é moito máis ca un río, ao final é un elemento que une concellos, paisaxe, patrimonio e natureza, e ten posibilidades turísticas”, afirma Pérez Abelenda. “Necesitamos unha visión de conxunto e unha coordinación real entre as distintas administracións”, apunta.
Pola súa banda, Patricia Iglesias esixiu actuación inmediata ao concellos de Ponteceso, ao concello de Coristanco, e “sobre todo a Xunta de Galicia e ese organismo que é Augas de Galicia que ten totalmente abandonado este emblema para a comarca de Bergantiños”.
Lamentou que “o río Anllóns, o corazón da comarca de Bergantiños”, teña unha senda chea de árbores caídas que a pechan por completo. “Insistiremos no Parlamento, no concello de Ponteceso, no concello de Coristanco”, salientou.
Pediu que cada administración asuma a súa responsabilidade e anuncioi máis accións reivindicativas como esta andaina. “Faremos máis para que isto realmente sexa un emblema da comarca de Bergantiños e que se cuide como se merece”, concluíu.



Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS