Walter Pardo envía unha carta ao Ministerio de Pesca para solicitar cambios no sistema de cotas da pesca da sardiña
O secretario de Pesca do PSdeG Provincial da Coruña e voceiro socialista local en Malpica de Bergantiños, Walter Pardo, envía unha carta ao ministro de Pesca, Luis Planas, para trasladarlle “a preocupación existente en Galicia ante a situación que atravesa actualmente a flota do cerco en relación coa cota da sardiña”.
O socialista sinala que “hai armadores que esgotaron a cota de sardiña que teñen asignada e que, por tanto, non poden continuar pescando sardiña en Galicia, aínda que exista recurso e aínda que exista demanda nas nosas lonxas”, unha situación de califica de “difícil de entender”.
“Ao mesmo tempo, sabemos que existen posibilidades de pesca que non sempre son consumidas na súa totalidade noutras zonas, o que expón a necesidade de revisar se o actual sistema de distribución responde realmente as necesidades e á realidade da flota”, indica Pardo.
“Por iso, considero que non debemos limitar o debate a canto lle corresponde a cada territorio, senón que debemos preguntarnos se o sistema actual permite aproveitar do mellor xeito posible unha cota que pertence ao conxunto do Estado e que debe xestionarse buscando a máxima eficiencia, sustentabilidade e xeración de emprego”, engade.
O malpicán pide non só establecer mecanismos que permitan que as cotas que non vaian ser utilizadas poidan ser aproveitadas por outras, senón tamén mellorar a propia forma na que se distribúe a cota entre as embarcacións. Para isto, solicita ao ministerio que se estuden diversos puntos de cara a acadar ese obxectivo
Por unha banda reclama estudar o consumo real da cota de sardiña, para coñecer con precisión que cantidade de cota consómese realmente cada ano, que cantidade queda sen utilizar e en que momentos da campaña prodúcese esa dispoñibilidade.
Pide así mesmo establecer unha cota global para a flota, en lugar dunha cota individual e inamovible para cada barco. Aclara que istó non pode supoñer pescar sen límite, senón pescar en base a límites claramente establecidos en función do número de tripulantes, a capacidade da ambarcación e os días reais de actividade.
“Deste xeito, a distribución das posibilidades de pesca estaría vinculada á actividade real de cada embarcación e ao emprego que xera, evitando que unha cota asignada inicialmente poida quedar sen utilizar mentres outras embarcacións vense obrigadas a deixar de traballar por falta de cota”, explica Pardo.
Por outra banda demanda que a cota poida xestionarse de forma dinámica durante a campaña, para que se unha embarcación non ten capacidade para consumir a cota que inicialmente se lle asignou, esa posibilidade de pesca debería poder quedar dispoñible para outros barcos que si poidan utilizala.
Solicita tamén que se facilite a transferencia ou adquisición de cotas sobrantes, e revisar o sistema tendo en conta a realidade social e económica de cada embarcación. “O sistema debería ter en conta tamén o emprego que xera cada embarcación e o número de persoas que dependen directamente da súa actividade”, apunta.
Finalmente, pon o foco en garantir a sustentabilidade do recurso, sometendo o sistema aos criterios científicos e aos límites que garantan a conservación, pero buscando a fórmula máis eficiente e xusta para aproveitar as posibilidades de pesca dispoñibles dentro deses límites.
“A miña intención con esta carta non é reclamar privilexios para Galicia nin prexudicar a outras comunidades pesqueiras,, o que solicito é que se estude un sistema que permita aproveitar ao máximo a cota dispoñible, protexer o emprego e garantir que ningún barco teña que deixar de traballar mentres exista cota que poida ser utilizada legalmente”, aclara novamente o socialista.
“Creo que o Ministerio ten a oportunidade de impulsar un modelo máis flexible, baseado no consumo real e nas necesidades de cada embarcación, no que os criterios de tripulación, embarcación e días de actividade teñan un peso importante”, conclúe.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS