O PSOE de Mugardos acusa ao alcalde de enganar á veciñanza co castelo da Palma tras catro anos pechado ao público
- Os socialistas denuncian que Concello e Xunta de Galicia levan catro anos sen impor sancións pese a que os propietarios non cumpren a Lei de Patrimonio, que obriga a abrir os BIC un mínimo de catro días ao mes
- Mugardos ten 2,5 millóns de euros en obrigas pendentes de pagamento a provedores e está sometido a un plan de axuste e á tutela financeira obrigatoria do Ministerio de Facenda, o que limita a súa capacidade para asinar un novo convenio para as visitas
O PSdeG-PSOE de Mugardos acusa o alcalde, Juan Domingo de Deus, de enganar á veciñanza coa situación do castelo da Palma, que afronta o seu cuarto verán consecutivo pechado ao público pese ás obrigas derivadas da súa condición de Ben de Interese Cultural.
Os socialistas lembran que a Lei do patrimonio cultural de Galicia establece claramente que as persoas propietarias dun BIC deben permitir a súa visita pública gratuíta un mínimo de catro días ao mes, durante polo menos catro horas cada día.
Esta obriga leva anos incumpríndose sen que o Concello promovese medidas efectivas nin que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural iniciase ningún expediente sancionador contra a propiedade.
“A lei é clara e leva catro anos sen cumprirse. Nin o Concello nin a Xunta fixeron o necesario para garantir o dereito a visitar un dos principais bens patrimoniais de Mugardos”, sinala o portavoz municipal socialista, José Ángel Martínez Bardanca.
Bardanca considera “un engano” que o alcalde trate agora de presentarse como defensor da apertura do castelo e reclame publicamente aos propietarios que cumpran a lei.
“Juan Domingo de Deus leva catro anos á fronte do Concello e durante todo este tempo non foi capaz de negociar un novo convenio, denunciar formalmente o incumprimento ou conseguir que Patrimonio actuase. Agora pretende ocultar esa falta de xestión con declaracións e promesas que chegan tarde”, afirma.
“A pésima xestión económica do goberno limita a súa capacidade de actuar”
O PSOE lembra que as visitas guiadas realizadas ata 2022 eran organizadas e financiadas polo Concello mediante un convenio coa propiedade. A recuperación deste programa esixiría que o goberno municipal volvese asumir os gastos derivados da organización das visitas, a contratación do persoal e as condicións necesarias para abrir o recinto ao público.
Porén, para o PSdeG mugardés, a pésima xestión económica do goberno de Juan Domingo de Deus limita a súa capacidade de actuar e deixou o Concello sen marxe para asumir novos compromisos.
Os socialistas lembran que o Concello de Mugardos acumula preto de 2,5 millóns de euros en obrigas pendentes de pagamento a provedores e está sometido a un plan de axuste e á tutela financeira obrigatoria do Ministerio de Facenda.
Isto obriga o Concello a reducir e conter o gasto durante os próximos exercicios e limita a súa capacidade para asinar novos convenios que supoñan un incremento do gasto municipal, como sería o necesario para recuperar as visitas guiadas ao castelo da Palma.
“A mala xestión económica do goberno municipal, que nos levou a unha débeda de 2,5 millóns de euros cos provedores e ao plan de control ao que somete Facenda teñen consecuencias directas no día a día do Concello”, explica Martínez Bardanca.
Para o portavoz socialista, o peche do castelo é outro exemplo das consecuencias da mala xestión económica do alcalde. “Deus deixou as contas municipais nunha situación límite e agora o Concello non ten capacidade para impulsar iniciativas que antes podía asumir. A súa xestión está condicionando o funcionamento municipal e impedindo aproveitar un dos principais recursos patrimoniais e turísticos de Mugardos”, sostén.
Martínez Bardanca considera que o alcalde “non ten nin o interese nin a capacidade política e económica necesarias para resolver o problema”. “Durante catro anos non actuou para facer cumprir a lei e agora tampouco dispón da marxe económica necesaria para recuperar as visitas desde o Concello. As consecuencias da súa mala xestión págaas, unha vez máis, a veciñanza de Mugardos”, engade.
O PSdeG-PSOE de Mugardos insta a Xunta de Galicia a requirir formalmente á propiedade o cumprimento inmediato do réxime legal de visitas e, se persiste o incumprimento, a iniciar o correspondente expediente sancionador. “Do contrario, estarían incumprindo a lei”, advirten.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS