Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Malpica denuncia que o colapso urbanístico do goberno do PP encarece ata un 40 % as obras da veciñanza

  • Os socialistas alertan de expedientes de licenzas con máis de dous anos de espera e esixen un plan de choque que permita rematar coa acumulación de atrasos.

O Grupo Municipal Socialista de Malpica denuncia a situación límite que atravesa o servizo municipal de Urbanismo, no que existen expedientes de licenzas que acumulan máis de dous anos de espera sen seren resoltos. Un atraso absolutamente inaceptable que está a ocasionar graves prexuízos económicos aos veciños e veciñas do municipio.

Durante anos, a tramitación das licenzas urbanísticas estivo externalizada nunha empresa privada, unha decisión adoptada ante a incapacidade do goberno municipal do PP para dotar o Concello dos medios humanos e técnicos necesarios para prestar este servizo con normalidade.

Agora que finalmente se cubriu a praza de arquitecto municipal, desde o PSOE de Malpica preguntan se esta incorporación permitirá mellorar realmente a situación urbanística do municipio e que medidas adicionais prevé adoptar o goberno local para poñer fin a unha demora que xa resulta insostible.

Os socialistas advirten de que non pode ser a veciñanza quen continúe pagando as consecuencias da mala xestión do goberno do PP. As persoas que solicitaron unha licenza hai máis de dous anos comproban como, cando finalmente poden iniciar as obras, os orzamentos xa non teñen nada que ver cos calculados inicialmente.

O incremento do prezo dos materiais e da man de obra provocou que numerosos proxectos se encarecesen entre un 30 % e un 40 %. Trátase dun importante sobrecusto que as familias, os autónomos e os negocios locais se ven obrigados a asumir como consecuencia directa das demoras na tramitación administrativa.

“A nefasta xestión urbanística do PP tradúcese en máis gastos para as familias, máis atrasos e máis incerteza. Mentres o Concello deixa pasar os meses sen resolver os expedientes, son os cidadáns os que teñen que asumir o incremento do custo das súas vivendas, reformas ou proxectos empresariais”, sinalan desde o Grupo Municipal Socialista.

Por este motivo, o PSOE de Malpica esixe ao goberno municipal que actúe de maneira inmediata, reduza a bolsa de expedientes acumulados e poña en marcha un plan de choque con recursos, prazos e obxectivos concretos que permita resolver as licenzas nun período razoable.

“Non abonda con cubrir unha praza. O que importa é que o servizo funcione e que se produzan resultados. A día de hoxe, a acumulación de expedientes e os atrasos de máis de dous anos evidencian o fracaso da política urbanística do goberno municipal do PP”, sosteñen os socialistas.

O PSOE conclúe que os veciños e veciñas de Malpica merecen un Concello que resolva os seus problemas e facilite os seus proxectos, e non unha administración que, pola falta de planificación e capacidade de xestión do goberno do PP, lles fai perder tempo, oportunidades e diñeiro.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes