O PSdeG de Frades denuncia que o Concello “non tomou ningunha medida para remediar os problemas de abastecemento de auga”
- Enrique Astray lembra que o municipio leva anos sufrindo esta problemática, agravada pola vaga de calor
O PSdeG-PSOE de Frades denuncia que o Concello “non tomou ningunha medida para remediar os problemas de abastecemento de auga que levamos durante anos sufrindo no municipio”.
O voceiro socialista local Enrique Astray lembra que esta circunstancia “está sendo agravada por mor da vaga de calor e da situación de emerxencia climática cada vez maior que estamos a vivir”.
“No 2019 nós xa pediramos un pleno extraordinario para tratar este tema e instar ao goberno municipal a darlle solución, pero a día de hoxe os mesmos problemas seguen estando presentes, cando non foron agravados”, lembra o socialista.
“O mal deseño da rede, o mal dimensionamento, a pouca capacidade de almacenamento, unha potabilizadora obsoleta ou a existencia de fugas de auga na rede son algúnhas das causas desta situación”, engade Astray.
Para o portavoz socialista, “á hora de facer as cousas dende o Concello non foron previsores, e agora pagámolo os veciños e veciñas”. Critica así mesmo a “un goberno municipal que se ve claramente sobrepasado os problemas e que en vez de amañalos decide botar balóns fóra”.
Lamenta que o Concello de Frades opte simplemente por “mandar un bando dicindo que hai que facer un uso responsable da auga, mentres a rede está perdendo auga nalgúns puntos, mentres outros, os máis elevados xeograficamente, directamente están sen ela”. “Dende o Grupo Municipal Socialista seguiremos denunciando esta situación e loitando por melloras e solucións polo ben da veciñanza do municipio”, conclúe o voceiro socialista.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS