Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Cambre denuncia a “chantaxe” da Xunta co convenio do río Mero e aclara o seu voto ao mesmo: “Non votamos contra o Mero, votamos contra un mal acordo para Cambre”  

O Partido Socialista de Cambre aclarou a súa posición tras o pleno celebrado este xoves no que se debateu o convenio entre Augas de Galicia e o Concello de Cambre para a actuación no paseo fluvial do río Mero.  

En primeiro lugar, afirmaron que “o noso voto en contra non supón, en ningún caso, opoñernos á mellora do río Mero nin ás inversións no noso concello. De feito, levamos anos reclamando actuacións de conservación, mantemento e posta en valor deste espazo natural”. Destacando que “o problema non é a actuación, senón o convenio”. 

Os socialistas explicaron que “dende o goberno do PP intentouse trasladar á veciñanza a idea de que a oposición  impediu unha inversión de case un millón de euros, intentouse trasladar á veciñanza a idea de que a oposición estaba deixando perder unha oportunidade histórica para Cambre. Nada máis lonxe da realidade”.   

“Non estamos en contra de que se invista no río Mero. O que cuestionamos é que a Xunta faga unha actuación da súa responsabilidade e que, unha vez executada, pretenda que sexa o Concello de Cambre quen asuma os custos futuros derivados dela”, sinalou o portavoz socialista, Diego Alcantarilla.   

Ademais, aclararon o que consideran “unha cuestión importante”. “En prensa o goberno do PP adiantou e falou dunha inversión de case un millón de euros. Pola contra, a realidade é que a cifra real do convenio é de 873.000 euros, non de case un millón. E realmente a actuación directa prevista ronda os 606.000 euros. O resto da cantidade responde a outros conceptos incorporados ao expediente”.  

Para o PSOE de Cambre, “o debate non debe centrarse exclusivamente na cifra anunciada, senón nas condicións que leva aparelladas”. Porque o que o convenio establece é que, unha vez executadas as actuacións, o Concello asumirá a titularidade, o mantemento, a conservación e os custos futuros de todo o ámbito afectado. Subliñan que isto quere dicir que “a Xunta paga unha vez e Cambre paga para sempre”.  

“Ninguén foi capaz de explicar canto lles vai custar aos veciños e veciñas de Cambre manter as pasarelas, os camiños, o mobiliario, as zonas verdes ou as futuras reparacións. Estamos asumindo unha responsabilidade permanente sen coñecer o custo real que terá para as arcas municipais”, afirmou Alcantarilla.  

Desde o PSOE tamén lamentan a “falta de claridade coa que se tramitou este expediente” e engaden que “durante meses os grupos municipais traballamos sobre un texto remitido polo goberno local en marzo de 2026 que non coincidía co convenio que Augas de Galicia enviara ao Concello en novembro de 2025 e que finalmente foi o documento levado a pleno”. Segundo explicaron “esta situación xerou unha enorme confusión e segue sen recibir unha explicación convincente”.  

“Non sabemos se se nos remitiu un documento diferente para aparentar que se negociaran melloras ou se, simplemente, nin o propio goberno tiña claro cal era o texto válido. O que si sabemos é que os grupos municipais estivemos meses estudando un documento que non era o que finalmente se someteu a votación”, indicou o portavoz socialista.  

O PSOE de Cambre considera ademais “inaceptable” o argumento utilizado reiteradamente pola alcaldesa durante o debate plenario, insistindo en que Cambre non podía deixar escapar esta oportunidade. Para os socialistas, “a verdadeira oportunidade sería que a Xunta asumise plenamente as súas obrigas”.  

“O río Mero non necesita un regalo envelenado. O que necesita é que a Xunta cumpra coas súas responsabilidades. Primeiro deberían acondicionar e deixar en perfecto estado unha infraestrutura da que son responsables e despois, se procede, abrir un proceso de diálogo sobre o seu futuro. O que non se pode facer é condicionar a inversión a que o Concello asuma todos os custos futuros”, concluíu Alcantarilla.   

Segundo explican, por todo isto, o PSOE de Cambre votou en contra deste convenio, igual que fixeron o resto dos grupos da oposición. E subliñan que “non foi un voto contra o río Mero. Non foi un voto contra as inversións. Foi un voto contra un acordo que consideramos prexudicial para os intereses presentes e futuros de Cambre e da súa veciñanza”. 

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes