O PSdeG-PSOE de Cabanas reivindica a autoría socialista do proxecto do Piñeiral da Madalena e denuncia os intentos de apropiación de BNG e PP
-Os socialistas denuncian que BNG e PP tratan agora de apropiarse dunha actuación deseñada, tramitada e financiada durante a Alcaldía de Carlos Ladra
O Grupo Municipal Socialista de Cabanas quere saír ao paso do comunicado difundido estes días polo BNG en relación coas obras de mellora ambiental, accesibilidade e dixitalización do Piñeiral da Madalena, e pór os feitos no seu sitio: este proxecto naceu, deseñouse, tramitouse e financiouse baixo o goberno socialista liderado polo anterior alcalde, Carlos Ladra.
A actuación, cun investimento próximo ao medio millón de euros, obtido a través dos fondos do Convenio de Transición Xusta e de financiamento europeo, foi concibida, redactada e deixada lista para executar durante o mandato 2019-2023. Foi entón cando se detectaron as necesidades do espazo, se impulsou o proxecto técnico e, sobre todo, lográrase asegurar e comprometer o financiamento, que é a parte máis difícil, máis laboriosa e menos vistosa de calquera obra pública.
Non é casualidade. As competencias que fixeron posible este resultado —a Alcaldía, a concellería de Facenda e a de Contratación— estiveron en mans socialistas durante todo aquel mandato. O impulso político, a dirección do proxecto e a responsabilidade de buscar e captar eses fondos foron do goberno socialista que encabezou Carlos Ladra.
Por iso resulta chamativo o comunicado do BNG. Os nacionalistas formaron parte daquel goberno de progreso, unha colaboración que os socialistas sempre valoramos, pero ningún socio pode arrogarse hoxe a autoría exclusiva dun traballo colectivo que foi liderado, impulsado e asumido politicamente desde unha Alcaldía socialista. Reescribir agora a historia para presentarse como autor único non se corresponde coa realidade dos feitos nin co reparto de responsabilidades daquel mandato.
Cómpre lembrar, ademais, que a situación política actual de Cabanas é tamén consecuencia da decisión do BNG de non sumarse á moción de censura proposta polo PSdeG-PSOE para promover un cambio de goberno no municipio. Ao rexeitar esa posibilidade, os nacionalistas permitiron que o Partido Popular continuase á fronte do Concello e que hoxe sexa o seu goberno quen execute e presente actuacións que quedaron deseñadas, tramitadas e financiadas durante o mandato socialista.
E o mesmo cabe dicir do actual goberno do Partido Popular. O PP limítase a cortar a cinta dun proxecto que se atopou completamente preparado, financiado e listo para licitar. Inaugurar unha obra xa tramitada e pagada cun traballo previo non outorga a súa autoría: o mérito dunha foto non borra a autoría do deseño e do financiamento.
Convén lembralo con claridade: a culminación destas obras non é máis que a consecuencia lóxica dun traballo xa realizado, nos seus momentos máis complexos, polo goberno socialista que liderou Carlos Ladra. O que hoxe ven os veciños e veciñas de Cabanas materializándose no Piñeiral é froito dunha planificación rigorosa e dunha xestión responsable que se fixo cando tocaba facela, e non no momento máis cómodo de cortar unha cinta.
Desde o Grupo Municipal Socialista seguiremos defendendo a verdade da xestión municipal, o valor dos proxectos que deixamos en marcha para Cabanas e, moi especialmente, a conservación do Piñeiral da Madalena, un dos grandes símbolos do noso municipio. E farémolo informando con honestidade á cidadanía, fronte a quen prefire disputarse a paternidade dun éxito que non lles pertence en exclusiva.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS