- O secretario xeral local Fernando Gutiérrez e o deputado Aitor Bouza subliñan a importancia da recuperación deste horario
O PSdeG-PSOE leva ao Parlamento de Galicia a reivindicación de que o Centro de Saúde de Oroso abra os sábados pola mañá.
“Levamos ao Parlamento unha petición para que o Sergas e a Xunta de Galicia reconsideren a súa decisión de pechar o centro de saúde de Oroso os sábados pola mañá, xa que non é de recibo que os veciños e veciñas teñan que desprazarse a outra localidade”, explica o secretario xeral local Fernando Gutiérrez.
O socialista sinala que esta decisión merma “cada vez máis algo tan fundamental como a sanidade”. “Os veciños e veciñas de Oroso teñen dereito a unha atención primaria de calidade, e seguiremos loitando para facelo posible”, engade.
Pola súa banda, o deputado Aitor Bouza explica que levará ao Parlamento “a reclamación que está a facer a veciñanza” para que “non se retroceda en dereitos fundamentais, como neste caso no dereito a unha atención sanitaria digna”.
O deputado autonómico sinala que a cidadanía de Oroso “precisa acudir ao seu centro de saúde os sábados pola mañá exactamente igual que ata agora, sen ter que desprazarse a outras localidades con todo o que isto supón”.
“Seguiremos reivindicando os dereitos fundamentais e defendendo os servizos públicos, dende os concellos, dende o Parlamento e dende todas as institucións, para poñer fin a unha medida que vai en contra das persoas”, conclúe.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS