O Grupo Municipal Socialista de Rianxo reitera a súa preocupación pola falta de avances efectivos na aplicación das medidas de prevención e defensa contra incendios forestais
- Para os socialistas é unha cuestión que afecta directamente á seguridade da veciñanza e á protección do territorio
O Grupo Municipal Socialista de Rianxo vén de reiterar a súa preocupación pola falta de avances efectivos na aplicación das medidas de prevención e defensa contra incendios forestais no municipio, unha cuestión que afecta directamente á seguridade da veciñanza e á protección do territorio.
Cómpre lembrar que xa no ano 2025 o PSdeG-PSOE de Rianxo presentou unha moción na que se instaba tanto á Xunta de Galicia como ao propio Concello a mellorar os accesos forestais, axilizar as actuacións de limpeza das faixas de protección e garantir o cumprimento do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais aprobado en 2019. Nesa iniciativa tamén se reclamaba a necesidade de reforzar a planificación, os recursos e a coordinación institucional para evitar que se chegase aos períodos de máximo risco sen os deberes feitos.
A día de hoxe, no ano 2026, o Grupo Socialista constata que moitas destas cuestións seguen sen resolverse, manténdose unha dinámica de escasos avances reais en materia de prevención, o que volve situar ao concello nunha posición de vulnerabilidade ante o inicio da campaña de alto risco.
Neste contexto, o Grupo Municipal Socialista presenta novamente unha moción, nesta ocasión centrada na necesidade de avanzar na planificación, instalación e posta en marcha dunha rede eficaz de hidrantes en todas as parroquias do municipio, así como na revisión global das medidas de prevención e defensa.
A iniciativa pon o foco na necesidade de garantir elementos esenciais como a limpeza das faixas secundarias de xestión da biomasa, o estado das pistas de acceso a puntos estratéxicos, especialmente instalacións críticas como as ETAP, así como a revisión das liñas eléctricas e centros de transformación, elementos fundamentais na propagación e control dos incendios forestais.
O Grupo Socialista subliña que a prevención non pode basearse en actuacións puntuais nin en comunicacións illadas, senón nun sistema continuo de planificación, execución e avaliación que permita coñecer con rigor o estado real de preparación do municipio. Por iso, insístese na necesidade de dispoñer dun documento actualizado e realista sobre o grao de cumprimento do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios, traballado ao longo de todo o ano e non de maneira reactiva ou estacional.
Desde o PSdeG-PSOE de Rianxo reiteran a súa vontade de colaboración institucional, pero tamén a súa responsabilidade de trasladar a preocupación crecente da veciñanza, que percibe que moitos puntos do termo municipal continúan sen a debida planificación nin avaliación.
En definitiva, trátase de avanzar cara unha política de prevención máis eficaz, planificada e medible, que garanta a seguridade das persoas, dos bens e do medio natural en todo o municipio.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS